A carne de polo é rica en vitaminas e minerais
Ademais de estar deliciosa, a carne de polo é unha opción saudable para incluíres na dieta grazas ao seu contido de vitaminas e minerais, que son esenciais para o correcto funcionamento do corpo humano.
Que vitaminas e minerais nos dá o polo
O polo destaca, sobre todo, polo seu elevado contido de vitaminas do grupo B e de minerais variados, todos eles indispensables para liberar enerxía, para construír e reparar os tecidos musculares e para o correcto funcionamento do sistema hormonal e inmunitario.
Velaí algúns dos beneficios esperables:
- Vitamina B3 (niacina): contribúe á saúde cutánea e nerviosa, e en doses altas pode mesmo reducir o colesterol.
- Vitamina B6 (piridoxina): fomenta a creación de glóbulos vermellos e o mantemento da función cerebral. Ademais, é fundamental para procesar as proteínas, de xeito que canta máis proteína tomemos, máis cantidades de vitamina B6
- Vitamina B12 (cobalamina): é importante para o metabolismo, axuda (igual que a vitamina B6) á formación de glóbulos vermellos e mantén o bo funcionamento do sistema nervioso central.
- Ferro: é básico para a hemoglobina, a molécula encargada de transportar o osíxeno necesario a todo o organismo.
- Fósforo: esta substancia, vital para a saúde dos dentes e dos ósos, atópase en todas as células do corpo e mantén o equilibrio ácido-base.
- Selenio: é un potente antioxidante, de maneira que protexe o organismo do dano celular.
- Potasio: equilibra os líquidos corporais, mellora a transmisión nerviosa e a contracción muscular.
Como potenciar e aumentar a inxestión de vitaminas e minerais
Se os beneficios anteriores te convenceron para aumentares o consumo de polo, aquí tes catro estratexias para asegurarte de maximizar a achega positiva das vitaminas e minerais:
- Acompaña o polo con verduras frescas e coloridas. Son unha fonte excelente de vitaminas e minerais adicionais. Pensa en gornicións como as ensaladas, as minestras ou os salteados que, alén de che ofreceren vantaxes nutricionais, tamén lle dan sabor aos pratos.
- Usa herbas e especias. Herbas aromáticas como o romeu, o tomiño e o ourego, e outras especias como o curry ou a cúrcuma, poden achegar beneficios adicionais á túa inxestión de vitaminas e minerais.
- Planifica as comidas. Este truco é fundamental para calquera obxectivo de saúde que teñas en mente: se planificas os teus pratos (ou, mellor aínda, se os cociñas de antemán), reducirás o risco de andar a picar ou tomar opcións pouco saudables ao longo da semana.
- Prepara aperitivos saudables. Aínda que moitas veces pensamos no polo como un ingrediente para un prato principal, tamén o podes incluír en almorzos ou merendas como empanadillas, espetadas, nuggets caseiros, etc.
Con todas estas ideas en mente, a que esperas para beneficiarte das vitaminas e minerais do polo e coidar a túa saúde?