A carne de polo pódete axudar a previr a osteoporose

A osteoporose, hoxe en día e por desgraza, é unha doenza que non ten cura. Afecta principalmente o desgaste dos ósos e a perda de masa ósea, sobre todo en persoas de idade avanzada. Pese a que aínda non se deu coa solución, existe unha serie de hábitos para tentar previla.

Algúns deles pasan pola alimentación e, neste caso, a carne de polo é sen dúbida unha boa aliada. Trátase dun alimento magro e de baixo contido en graxas, e ademais ofrece múltiples vitaminas e minerais que benefician o noso organismo.

Aínda que presenta unha gran cantidade de beneficios, neste artigo ímonos centrar en como a carne de polo pode axudar a previr a osteoporose. Para tratar de evitala, é esencial seguirmos unha dieta sa e equilibrada.

A inxestión de proteína prevén a osteoporose

A carne de polo contén moita proteína. Esta substancia, alén de favorecer o crecemento muscular, axuda a previr a perda de masa ósea, principal afección que causa a osteoporose. Por iso, a inxestión de carne desta ave axuda a manter os ósos fortalecidos.

O fortalecemento dos músculos tamén é un factor moi considerable á hora de desenvolvermos uns ósos fortes e previrmos esta doenza. Como diciamos, o consumo de proteínas é fundamental para desenvolver un tecido muscular resistente e firme.

Ademais, a carne de polo é rica nun amplo abano de vitaminas do tipo B, como a niacina, a cobalamina e a piridoxina. Todas elas son necesarias na reparación e na creación do tecido muscular.

O calcio, esencial para os ósos

Por outro lado, o polo é un alimento rico en fósforo, que é o segundo mineral con maior presenza no noso corpo, só por detrás do calcio. Ambos os nutrientes están estreitamente relacionados no proceso dixestivo, xa que o fósforo facilita a absorción do calcio dos alimentos. Esta última é a materia principal que compón os dentes e os ósos, de xeito que é crucial o consumo de calcio (e, por tanto, de fósforo) para previr a osteoporose.

Para a absorción destes dous minerais e o seu mantemento nos ósos tamén desempeña un papel decisivo a vitamina D, que se pode conseguir coa exposición ao sol. Hai que ter en conta que o tempo que pasemos a tomar o sol debe ser razoable, pois facelo durante períodos prolongados é perigoso para a saúde.

Esta vitamina D pódese obter mediante outras vías como, por exemplo, os alimentos e os suplementos. Os peixes graxos como o salmón, a xema dos ovos e a carne son ricos nesta substancia.

Alimentos e consellos para combater a osteoporose

Alén da carne de polo, existen outros alimentos que son ideais para tratar de combater ou previr a osteoporose. Algúns deles son as verduras como as espinacas ou o brócoli; os legumes como as lentellas, os garavanzos ou as fabas brancas; os peixes, como o atún ou a sardiña, e os froitos secos, agás os anacardios e as castañas.

Á parte de todos estes consellos alimentarios, é imprescindible adquirirmos unha serie de bos hábitos. Neste caso lembramos as clásicas recomendacións de non fumar, evitar os excesos co alcohol, practicar deporte a diario e seguir unha dieta equilibrada e saudable.

Se queres descubrir máis beneficios do polo, na nosa web imos publicando todas as vantaxes de consumir esta carne.