A importancia das proteínas na dieta
As proteínas desempeñan un papel fundamental no organismo. Trátase de moléculas formadas por aminoácidos que están presentes en todas as células do noso corpo e participan nunha infinidade de procesos metabólicos. Estes aminoácidos poden ser esenciais ou non esenciais. No caso dos primeiros, o noso corpo non os pode sintetizar por si só, conque necesitamos adquirilos mediante os alimentos. Por iso é moi importante mantermos unha dieta equilibrada e variada para obter todos os tipos de aminoácidos.
Na alimentación, as proteínas atópanse tanto en alimentos de orixe animal como vexetal, aínda que, no caso dos segundos, en menor cantidade. Por tal motivo é necesario combinármolas, xa que, dese xeito, obtense unha proteína de calidade semellante á animal.
No momento de absorbelas, o noso organismo descompón as proteínas consumidas nos aminoácidos que as constitúen, mais non todos os alimentos teñen a mesma secuencia de aminoácidos, o que afecta a calidade das proteínas absorbidas. Para medir esa calidade emprégase o termo valor biolóxico, que permite clasificar as proteínas en dúas categorías segundo os aminoácidos esenciais que conteñen:
- Alto valor biolóxico: conteñen os nove aminoácidos esenciais e atópanse nos alimentos de orixe animal (carne, ovos, leite e derivados, e peixe).
- Baixo valor biolóxico: carecen dalgún aminoácido esencial e atópanse en alimentos de orixe vexetal (verduras, legumes, froitos secos e cereais).
Como vemos, unha proteína considérase de alto valor biolóxico soamente cando contén todos os aminoácidos esenciais. A partir de aí, cantos menos aminoácidos esenciais teña, menor será a súa calidade e valor biolóxico.
Por que son necesarias as proteínas?
Porque constitúen máis da metade do peso das células e asumen múltiples procesos e funcións, entre elas:
- Función estrutural: trátase da función principal das proteínas, que consiste en rexenerar e manter os tecidos de distintos órganos como os músculos, os ósos, o tubo dixestivo, as glándulas endócrinas, o cerebro, os nervios, a pel etcétera. Entre estas proteínas están o coláxeno, a queratina ou a elastina.
- Función encimática: permiten e aceleran algunhas reaccións químicas e metabólicas que se producen no organismo tales como a dixestión, a coagulación sanguínea ou as funcións hepáticas.
- Función reguladora: regulan algúns procesos vitais como a respiración ou a dixestión.
- Función transportadora: permiten o transporte de nutrientes ás células. É o caso da hemoglobina, que leva o osíxeno dos pulmóns aos tecidos do corpo, a mioglobina, que o absorbe para levalo aos músculos, ou a albumina, que transporta graxas no torrente sanguíneo.
- Función inmunolóxica: estas proteínas resultan fundamentais para o desenvolvemento de anticorpos, xa que son capaces de recoñecer posibles patóxenos para que, posteriormente, as células do sistema inmunolóxico os eliminen. Un bo exemplo son as inmunoglobulinas.
Como acabamos de ver, as proteínas, á parte de construíren tecido muscular, tamén teñen outras moitas funcións que resultan esenciais para o organismo. Por iso é fundamental incluírmos na nosa dieta alimentos de alto valor biolóxico que nos aseguren a obtención dos aminoácidos esenciais, xa que posteriormente se transformarán nas proteínas necesarias para o bo funcionamento do organismo.