A riqueza da pel do polo
Imos entrar nun dos debates acerca dunha das carnes máis consumidas en todo o mundo: o polo e a súa pel. Seguro que todos temos escoitado distintas versións e opinións sobre os beneficios ou riscos de consumir a pel do polo. Por exemplo, existe preocupación polas bacterias e hormonas que pode conter esta parte do polo, e tamén xorden dúbidas relativas ao seu contido calórico, de xeito que imos aclarar estas cuestións a seguir.
Imos por partes. A Comisión Europea prohibe desde hai anos empregar substancias hormonais e antibióticos no crecemento de animais de granxa, e para que iso non suceda aplícanse diversos controis. Por tanto, a pel pódese comer sen problema ningún porque todos os polos cumpren a normativa de seguridade alimentaria.
Outro debate é o relativo ao contacto con microorganismos. É certo que se trata da parte do polo que máis bacterias acumula e pode presentar salmonelas, campylobacterias ou listerias, pero se seguimos as normas de hixiene e cocción, non teremos que preocuparnos.
Que che recomendamos?
- Non limpar a pel antes de cociñala. Así evitaremos producir salpicaduras e espallar os microorganismos pola cociña.
- Coidar moi ben os utensilios da cociña e lavalos cada vez que estean en contacto con alimentos.
- Gardar o polo na parte máis baixa do frigorífico por se o envase solta algún líquido. Así evitaremos contaminar outros alimentos que se sitúen por debaixo.
- E, por suposto, é moi importante o proceso de cocción. Se cocemos ben a pel e a carne, conseguiremos eliminar as posibles bacterias. A temperatura de cocción interior debería ser polo menos de 74 °C. Unha boa técnica para comprobar o nivel de cocción consiste en facerlle un pequeno corte á peza. Se a cor é rosada, entón hai que cociñar o polo durante máis tempo.
Existen tamén dúbidas sobre o contido calórico da pel do polo dado que se trata da parte máis graxa do animal, e por iso moita xente retíralla antes de consumila pensando que non é saudable. Ora ben, debemos ser conscientes de que se trata de graxas monoinsaturadas, isto é, tan saudables coma as que atopamos nos aguacates e nos peixes graxos.
Outro beneficio da pel do polo é que nos axuda a controlar o consumo de sal, xa que se trata dunha parte moi saborosa e non é necesario excederse con ese condimento. Por outra parte, ao ser un alimento de gran consistencia, produce máis sensación de saciedade.
Agora xa coñeces os beneficios desta parte do polo. Para desfrutar dela só tes que seguir as normas hixiene e de cocción que che acabamos de explicar.