Alimentos e receitas de tempada para maio

Maio é un mes de pleno apoxeo da primavera, e a natureza ofrécenos unha gran variedade de alimentos de tempada deliciosos que podemos incorporar na nosa dieta. Non só son saudables e moi saborosos, senón que ademais o seu consumo axuda a coidar do ambiente e do peto.

Neste artigo contámosche todas as claves para incorporares os alimentos de tempada no teu menú con pratos irresistibles e equilibrados.

Por que comer alimentos de tempada?

Se estás considerando incluír máis alimentos de tempada na túa dieta de xeito habitual, velaquí tes catro bos motivos para facelo:

  • Os alimentos de tempada, especialmente as froitas e verduras, están no seu mellor momento nutricional e de sabor, pois xa alcanzaron o seu punto óptimo de maduración de xeito natural e non se someteron á conservación artificial.
  • Adoitan ser máis respectuosos co medio ambiente. Ao consumir alimentos de tempada, redúcese a dependencia de produtos importados, o que reduce a nosa pegada de carbono, diminúe a emisión de gases de efecto invernadoiro causados polo transporte e o almacenamento e protexe a biodiversidade.
  • Ademais, ao tratarse de produtos próximos e abundantes nesta época do ano, o prezo adoita ser máis accesible.
  • Polo mesmo motivo, os produtos de tempada contribúen ao comercio local, á agricultura sustentable e a preservar postos de traballo na nosa comunidade.

Que produtos hai para consumir en maio?

Os alimentos de tempada poden variar lixeiramente en función do clima de cada ano e do lugar onde vivas, pero, en xeral, estes son os produtos que che recomendamos incorporar á lista da compra para as vindeiras semanas:

  • Froitas: comezan a chegar as primeiras froitas primaverais como os pexegos, os albaricoques, as ameixas, o melón e a sandía, malia que aínda poderemos seguir gozando dos amorodos durante un tempiño.
  • Verduras: é bo momento para cociñar pratos con espárragos verdes, alcachofas, acelgas e cabaza, e tamén podemos comezar a preparar saborosas ensaladas con tomate e cogombro.
  • Peixe: é o tempo do atún, do bacallau, do bocarte, da sardiña e da xarda.
  • Carnes: podes consumir todo tipo de carnes. Nós, pola nosa parte, recomendámosche as seguintes receitas para preparares o noso delicioso polo da mellor maneira.

As nosas receitas favoritas para gozar desta tempada

En Bon Pollo esforzámonos por prepararche unha lista cos nosos pratos favoritos para incorporar os alimentos de tempada da maneira máis saborosa e irresistible. Lembra que podes personalizar cada receita en función dos ingredientes que teñas á man en cada momento.

Poke bowl de polo crocante

Os poke bowls, un prato tradicional hawaiano, fanse cunha base de arroz branco, un elemento proteico e verduras frescas para acompañar.

Na nosa proposta, ensinámosche a rebozar o polo con grans de millo torrado para obter un resultado moi crocante. Animámoste a incluír diversas froitas e verduras de tempada como o tomate, o cogombro, a cenoria e mesmo, se te animas, algúns dados de pexego para lle dar unha nota máis doce.

Delicias de polo con salsa de amorodo

Aproveita os últimos amorodos do ano para preparares esta deliciosa salsa para acompañar as nosas delicias de polo. Trátase dunha receita moi orixinal que non vai deixar indiferente a ninguén.

Polo reenchido con cabaza, mazá e uvas

Anímaste a probar esta incrible elaboración? Trátase dunha forma estupenda de aproveitar o sabor doce destes vexetais para lle dar un toque diferente á carne de polo.

Se te decantas por unha opción 100 % de tempada, podes substituír as mazás por albaricoques, pexegos e ameixas: son alternativas igualmente deliciosas que nos permiten adaptar o prato ás diferentes épocas do ano.

Cuscús con polo e espárragos

O cuscús é unha base xenial para crear saborosas ensaladas esta primavera. Proba a botarlle follas de acelga como substituto da espinaca e engádelle ameixas frescas en vez das deshidratadas. Se andas a buscar un toque oriental propio do tabule, non esquezas engadirlle menta fresca.

Zancos de polo con ameixas ao forno

A nosa última recomendación non podería ser máis sinxela: simplemente coloca todos os ingredientes nunha bandexa de forno e deixa que ocorra a maxia. A calor fará que as ameixas se acaramelen e desprendan o zume, o que dará como resultado un polo moi saboroso e doce.

E ti, que receita vas probar para desfrutar dos mellores alimentos de tempada?