Alimentos imprescindibles para pasar o día na praia
Chega a época das vacacións, que este ano esperabamos con máis gana ca nunca. Cal vai ser o destino da maioría dos españois? A praia.
Para que a escapada saia perfecta, temos que ir preparados. Cargamos coa toalla, o parasol, a hamaca, pero non podemos esquecer outras cousas esenciais, como a crema solar, manternos hidratados e alimentarnos ben.
É moi importante coidares a alimentación cando esteas fóra da casa. Por iso, no artigo de hoxe, compartimos contigo os segredos para saber cales son os mellores alimentos para levares á praia.
Un pouco de froita refrescante
O sol, a area e o mar non invitan a comer un estufado, por moi bo que sexa. No verán, e máis aínda na praia, debemos refrescarnos e estar sempre hidratados; por iso recomendamos alimentos que conteñan unha porcentaxe elevada de auga, como é o caso da froita.
Unha tallada de sandía sen dúbida que te vai hidratar, xa que é a froita que maior cantidade de auga contén: nada menos que o 92 por cento. Tamén che recomendamos o melón, que, á parte de conter un 90 por cento de auga, é rico en potasio e ferro, e favorece o sistema muscular e nervioso. Non descartes a opción de preparar unha macedonia con froita de tempada e ben variada… iso nunca falla!
Con todo, se comer froita da maneira máis convencional xa te aburre, propómosche elaborar batidos. Unha maneira rápida, sinxela e saudable de refrescarse consiste en botar man dun batido natural feito na casa.
Froitos secos, o mellor aperitivo
Hidratarnos cando estamos na praia é esencial, mais non nos podemos esquecer de recuperarmos a enerxía que gastamos. Aínda que ás veces non nos decatamos, realizamos moita actividade física. Só con camiñar pola area a bo paso activamos os músculos internos, co que podemos chegar a queimar ata 300 calorías por hora. Unha persoa duns 60 quilos que bote unha hora nadando ao estilo braza gastará 630 calorías.
Que alimentos che farán recuperar a enerxía máis rápido?
Seguro que xa os tiñas en mente. Efectivamente, trátase dos froitos secos. Son un dos alimentos que che darán enerxía máis rápido. Grazas ao seu alto contido de ácidos graxos esenciais, eses que o noso corpo non podería obter por si mesmo, son unha fonte de proteínas que nos dá forza, e ademais son antioxidantes. Así que non esquezas levar os teus froitos secos favoritos a onde queira que vaias, porque van ser o mellor aperitivo para tomar entre horas.
Ensalada de arroz como prato principal
Os froitos secos e a froita están moi ben para ir picando ou como sobremesa, pero, que comemos como prato principal?
A ensalada de arroz nunca falla. É un prato variado, fresco, de elaboración sinxela, e seguro que non vas quedar con fame.
Dámosche algúns consellos para que as ensaladas se convertan no elemento indispensable para un día de praia:
- É importante controlares o tempo de cocción. Se coces demasiado o arroz, vaiche quedar unha ensalada moi branda e pegañenta.
- Outra das claves para que a ensalada che quede con ese punto de frescor é engadirlle verduras e hortalizas con moito contido de auga. Nós propómosche o tomate, que contén un 93,6 por cento de auga. Tampouco pode faltar o verde! Recomendámosche a leituga ou as espinacas, pois ambas as verduras presentan máis dun 90 por cento de auga na súa composición. Seguindo coa cor verde, pero cambiando de grupo de alimentos, engádelle unhas olivas. E, para reforzares a sensación de frescor, hai algo mellor que un pouco de queixo fresco?
- Non te esquezas de lle engadir peituga de polo en anacos. Deste xeito dáslle textura e consistencia á ensalada. Ademais, en 100 gramos de polo, o 70,3 por cento é auga; achéganos por volta de 27 gramos de proteína de alta calidade e, aínda por riba, contén todos os aminoácidos esenciais. Recomendámosche cociñar o polo á prancha, xa que ao ser unha carne magra, contén moi pouca graxa e é moi lixeira.
Para darlle o toque final, adereza a ensalada ao gusto e prepárate para gozar dun fantástico día de praia coa mellor compañía!