Alimentos para a primavera
Xa chega a primavera e, con ela, moitos alimentos cheos de cor e sabor para nos manter en plena forma. Non é de estrañar que as tradicións culinarias das rexións se guíen por alimentos de tempada, optando polo gaspacho no verán ou polos cogomelos no inverno, pois é cando certos alimentos teñen máis calidade organoléptica. Nunca te pararas a pensalo?
Ao se atoparen no punto óptimo para o consumo, os alimentos de tempada son máis saborosos, conservan mellor a súa textura, aparencia e sabor, e ofrecen máis cantidade de nutrientes. Por outro lado, se son de tempada, significa que abundan máis durante esa época do ano, así que son máis accesibles e, por tanto, máis baratos. Tamén hai que ter en conta que falar de produtos de tempada é o mesmo que falar de produtos de proximidade. Por tanto, axudan a impulsar e manter a economía local ao tempo que incorporamos novos ingredientes na nosa dieta e rompemos coa monotonía.
Velaquí unha selección da gran variedade de froitas e verduras de tempada que nos ofrece a dieta mediterránea nunha das estacións máis coloridas do ano:
Froita
- Albaricoque: rico en betacaroteno, con moita cantidade de potasio e vitamina C. É importante ter en conta que os exemplares máis doces e zumarentos chegan a partir de maio.
- Cereixa: coñecida por ter entre as súas principais propiedades a de favorecer o soño, é rica en potasio e vitaminas A e C. Tamén produce un efecto diurético que permite eliminar o exceso de auga e previr o risco de desenvolver diabetes tipo 2.
- Amorodo: o seu sabor, doce e ácido ao tempo, fai dela a raíña indiscutible da primavera. Suma puntos o feito de ter moi poucas calorías e, pola contra, moito contido de fibra, antioxidantes e vitamina C.
- Néspera: a froita máis mediterránea protexe a membrana da mucosa intestinal de substancias tóxicas. Coñecida polas súas propiedades antivíricas, é un gran regulador da dixestión e o tránsito intestinal.
Verdura
- Berenxena: un dos alimentos máis consumidos e versátiles da nosa dieta. As súas propiedades fan da berenxena un alimento ideal para combater o envellecemento celular e as infeccións e para manter o colesterol controlado.
- Espárrago verde: fonte de fibra e de minerais, este alimento hipocalórico tamén abunda en vitaminas A, B, C, E, K e ácido fólico. Destaca por ser fonte de minerais como o magnesio, o fósforo, o calcio e o potasio.
- Faba: considerada verdura se a consumimos tenra, con moito contido de ácido fólico, esencial para o crecemento de novas células, previr a anemia e producir glóbulos vermellos. Tamén mellora a actividade cardiovascular reducindo o colesterol malo e equilibrando o azucre en sangue.
- Espinaca: unha das verduras de folla verde que máis contido de vitaminas e minerais ten. Destaca especialmente a vitamina K, que axuda a reter o calcio para unha correcta mineralización ósea.
Do mesmo xeito, hai algúns alimentos de inverno que nos acompañan durante un pequeno período de primavera, como é o caso da acelga, o brócoli ou a col, produtos moi beneficiosos para unha boa circulación.
Lembra! Os expertos recomendan un mínimo de tres pezas de froita ao día, e dúas de verduras ou hortalizas (unha das cales debería tomarse crúa), conque optar por unha dieta de tempada permítenos incluír verduras en todas as comidas e apostar polas froitas e verduras crúas como refrixerio.
Canto ás carnes e peixes, a primavera tamén é época dalgúns como o cordeiro, a oca, o pavo, o ollomol, a anchoa, o atún vermello ou o mexillón.
Déixate inspirar e alegra os teus pratos da maneira máis rica e sustentable!