Alimentos que axudan a reforzar o noso sistema inmunitario

Mantas, lareiras, ambientes cálidos e acolledores… Aínda que moitos prefiran as altas temperaturas, o inverno tamén ten o seu encanto. A natureza énchese de cores frías e paisaxes nevadas, deixando atrás as tonalidades cálidas tan características do outono. É tempo de sopas, guisos, estufados e pratos que nos fagan quecer. A quen non lle apetece un bo prato de lentellas para combater a friaxe?

Coidar a nosa alimentación é esencial, mais en inverno é especialmente importante para reforzarmos o sistema inmunitario, que pode verse máis desprotexido nesta época do ano. Sabías que os alimentos de tempada che poden axudar a fortalecer as túas defensas? Continúa a ler, porque te imos descubrir os que non poden faltar na despensa este inverno.

Por que é tan importante reforzar o sistema inmunitario en inverno?

Xa sabes o importante que é levar unha vida saudable facendo exercicio diario e seguindo unha dieta equilibrada. En inverno, unha alimentación correcta tamén vai contribuír a que o teu organismo se manteña forte para faceres fronte a gripes e arrefriados.

O frío, a humidade e os cambios bruscos de temperatura fannos máis vulnerables fronte a virus e infeccións. O mellor remedio para combatelos? Ter uns hábitos saudables e unha dieta que nos axude a fortalecer o sistema inmunitario. E a mellor maneira de axudar as nosas defensas consiste en botar man dos alimentos de tempada, que lle reportarán moitos beneficios ao noso organismo.

Beneficios de consumir alimentos de tempada

  1. Se mercas produtos de tempada, estarás respectando o ciclo natural dos alimentos.
  2. Ao medraren co clima máis axeitado, estes alimentos conservan mellor os nutrientes, o sabor e a textura, xa que non é preciso forzar o seu cultivo mediante tratamentos artificiais.
  3. Ao respectaren o ciclo natural, os alimentos son máis ecolóxicos, xa que con eles non se empregan fertilizantes nin praguicidas para cultivalos en épocas que non lles son propias.
  4. Poderás consumir os alimentos máis frescos, dado que, ao seren de tempada, non necesitarán tanta refrixeración para manterse en bo estado.
  5. Os alimentos de tempada son máis económicos: non precisan tantos tratamentos artificiais e o custo de almacenamento e transporte é menor, conque o teu peto tamén sairá beneficiado.
  6. Se optas por produtos de tempada de proximidade, tamén contribuirás a coidar o planeta. A súa comercialización non necesita tantos recursos en transporte e, por tanto, non se producen tantas emisións derivadas da distribución. A mercares alimentos de proximidade tamén axudarás o comercio local, non o esquezas!

Alimentos de tempada para fortalecermos o sistema inmunitario

Verduras e hortalizas

  • Crucíferas. Este tipo de verduras caracterízase por ter propiedades moi beneficiosas para a saúde. Forman parte deste grupo a coliflor, o brócoli, o repolo, os grelos ou o kale (tamén coñecido como col rizada ou verza), entre outros.Son unha importante fonte de vitaminas, nutrientes e minerais, entre os que se atopan as vitaminas A, C, K e algunhas do grupo B, así como calcio, potasio ou manganeso. Conteñen fibra, son antioxidantes naturais e axudan a fortalecer o sistema inmunitario. Ademais, alimentos como o brócoli ou a coliflor contribúen a diminuír o risco de padecer doenzas coronarias.

    Coas crucíferas podes elaborar unha chea de pratos. Xa que estamos nuns meses fríos, deixa que che recomendemos esta saborosa receita de caldo de polo con lacón e grelos para entrar en calor. Un prato moi invernizo que seguro que che encantará.

  • Pataca doce. Este tubérculo, que o podes atopar de diferentes variedades, é moi típico do outono, aínda que tamén se pode cultivar de xeito natural en inverno. Contén un potente antioxidante, o betacaroteno, que axuda a previr doenzas oculares como as cataratas, ben como algúns trastornos inmunolóxicos. É fonte de vitaminas A, C e E, e contén diferentes minerais, entre os que destaca o potasio, esencial para o funcionamento do sistema nervioso. 

    A pataca doce pódese preparar de mil maneiras diferentes: pódela partir en toros finos e servilas coma se fosen patacas, facer purés ou cremas ou simplemente asar o tubérculo e acompañalo do que máis che guste. Nós propómosche esta receita de polo con marmelo, pataca doce e piñóns. Para lamber os fociños!

  • Charouvía ou pastinaca. Esta hortaliza é moi parecida á cenoria. As súas propiedades nutricionais convértena nun alimento idóneo para incluíres na túa dieta, especialmente nesta época do ano. É fonte de fibra e contén numerosas vitaminas e minerais como o fósforo, o magnesio ou o potasio.A charouvía é perfecta para facer caldos e cremas, mais tamén a podes asar con outras verduras e hortalizas. Está deliciosa.

Cogomelos

A estación ideal para os cogomelos é o outono, pero no inverno tamén os podes atopar.

Os cogomelos conteñen moitas proteínas e son ricos en fósforo, magnesio, cinc e potasio, entre outros micronutrientes. Ademais teñen moi poucos hidratos de carbono e graxas. Sabías que os cogomelos están compostos case por un 90 por cento de auga? Son un alimento moi lixeiro, ideal para eses días en que non che apetece algo moi pesado. Ademais sonche moi versátiles, xa que os podes comer sós ou usalos como gornición. Ti elixes! Nós suxerímosche dous pratos: escalopes reenchidos de champiñóns con salsa de caqui e risotto de polo con queixo de tetilla e cogomelos. Anímaste a probalos?

Froitas: cítricos

Os cítricos, como as mandarinas, os pomelos ou as laranxas, van ser os nosos grandes aliados para fortalecer o sistema inmunitario no inverno. A súa alta concentración de minerais e vitaminas, como a A ou a C, vainos axudar a previr eses arrefriados tan habituais nesta época do ano. Acompaña as comidas de zumes naturais de cítricos ou prepara pratos con algunha destas froitas para mellorares as túas defensas.

Agora que xa coñeces a importancia dunha boa alimentación para reforzar o sistema inmunitario no inverno, aproveita para preparar pratos ben quentiños cos alimentos de tempada. Bo proveito!