Batch cooking: cociña unha vez e desfruta toda a semana

Despois dun longo día de traballo, chega a hora da cea, abres a neveira na busca de algo rico e doado para levares á mesa e, de súpeto, atopas  ao alcance da man uns tuppers ben colocadiños con comida deliciosa, saudable e lista para comer. E non só iso, senón que ademais aforras tempo e cartos!

Aínda que pareza un escenario utópico, só ao alcance duns poucos, ti tamén podes conseguilo grazas á técnica do batch cooking. Se aínda non a coñeces e tes curiosidade, continúa lendo: neste artigo imos tratar todos os detalles que necesitas coñecer.

Que é o batch cooking?

Imos comezar polo máis básico: que é o batch cooking? Trátase dunha técnica culinaria que consiste en cociñar grandes cantidades de comida nunha soa sesión co fin de ter pratos preparados para varios días.

Este método baséase na planificación e organización previa dos menús de toda a semana, de xeito que poidamos adaptar a compra de ingredientes e a preparación das receitas en función das necesidades alimentarias de cada persoa.

Desta maneira, pódese aforrar horas de tempo na cociña durante a semana e comer de xeito saudable e variado sen ter que preocuparse por cociñar todos os días. Ademais, o batch cooking pode axudar a reducir o desperdicio de alimentos e a aforrar cartos na compra.

Vantaxes da técnica de batch cooking

Como xa mencionamos, o batch cooking é un recurso estupendo para coidarmos a saúde e aforrarmos tempo e cartos.

Coida a dieta

Se intentas comer de forma saudable e mellorar a túa dieta, o batch cooking pode ser un aliado clave para conseguir os teus obxectivos. Á hora de planificares o menú da semana, poderás asegurarte de incluír todos os ingredientes que che conveñen e de descartar aqueles que queres evitar. Ademais, ao ter os pratos listos para consumir, será menos probable que andes a picar, ou a comer produtos ultraprocesados e comida para levar, que adoitan conter aditivos e conservantes pouco saudables.

Aforra tempo

Cando te enfrontes á túa primeira sesión de batch cooking, é posible que teñas a sensación de que botas unha chea de tempo a cociñar. Se non estás acostumado a cociñar durante un par de horas seguidas e a manexar varias elaboracións de maneira simultánea, talvez penses que, en realidade, todo ese traballo non paga a pena.

Non obstante, esa crenza logo queda desmontada durante o transcurso da semana. Ao cociñares todos os pratos nunha única sesión, poderás desfrutar das túas receitas favoritas en menos de dez minutos, o que che permitirá ser moito máis eficiente nos días laborais, cando adoitamos ter menos tempo.

Aforra cartos

O batch cooking permítenos aforrar diñeiro, principalmente por dúas vías.

En primeiro lugar, a planificación do menú semanal obríganos a pensar con calma nos ingredientes que imos precisar para cada elaboración e a escribir a lista da compra de maneira consciente e eficaz. Así evitaremos a compra impulsiva que, ás veces, pode levarnos a adquirir produtos que en realidade non precisamos.

En segundo lugar, co batch cooking asegurámonos de que todos os ingredientes que merquemos son necesarios e que os imos empregar nas elaboracións desa semana. Deste xeito evitamos o desperdicio de comida e de cartos.

Cociña unha vez e come durante toda a semana

Á hora de deseñares o teu plan semanal, tes que incluír elaboracións que che dean carbohidratos, proteína e vitaminas. Ademais, o ideal é que os pratos que escollas poidan aguantar ben na neveira durante os cinco días seguintes.

Se queres probar o batch cooking cun pouco de axuda, propómosche este delicioso menú semanal para que che sirva de guía e para que o poidas personalizar segundo as túas preferencias e cos ingredientes que teñas á man.

  • Cuscús con verduriñas e polo en dados.
  • Zanquiños de polo con cabaza asada e herbas provenzais.
  • Peituga de polo con feixóns verdes e patacas.
  • Ensalada de herba dos cóengos e tomate.
  • Froita de tempada.

O cuscús é un produto ideal para lle engadir carbohidratos á dieta de forma rápida e moi sinxela: só tes que ferver auga, engadir o cuscús a partes iguais e cubrir o recipiente durante 10 minutos. Lembra que tamén podes empregar o forno para asar todas as verduras e a carne, e así aforrarás moito tempo. Por último, non deixes de preparar un par de tuppers con verdura e froita lista para consumir: axudaranche a completar os pratos da forma máis saudable e refrescante.

Bo proveito!