Beneficio – A carne de polo é rica en fósforo
A carne de polo é moi beneficiosa para o noso organismo, xa que é de moi fácil dixestión e contén abundantes vitaminas e minerais como o selenio, o potasio, o cinc e o fósforo.
Este último é un mineral esencial para o funcionamento do sistema nervioso central e, co calcio, contribúe á correcta formación e bo estado dos dentes e dos ósos, isto é, á mineralización ósea.
Que alimentos conteñen fósforo?
O fósforo é o segundo mineral máis abundante no noso organismo. Témolo presente en todas as células e representa o un por cento do noso peso corporal.
Atópase en moitos alimentos:
- lácteos, como o iogur, o leite e o queixo;
- produtos de orixe animal, isto é, peixe, carne e aves (como o polo), e nos ovos.
- grans e cereais, de xeito que está en produtos como o pan, o arroz ou a avea;
- noces;
- sementes como o sésamo;
- legumes, como as lentellas e as ervellas;
- verduras, como as patacas e os espárragos.
Dado que está presente en moitos alimentos, non é común ter un déficit de fósforo na dieta. Ao contrario, a maior parte da poboación supera a cantidade de fósforo diaria recomendada (700 mg nunha persoa adulta), xa que tamén encontramos fósforo en bebidas carbonatadas e nos alimentos procesados.
Así e todo, e como dicimos sempre, a virtude está no termo medio. Se segues unha dieta sa e equilibrada, non tes por que sufrir nin déficit nin exceso deste mineral.
En definitiva, unha correcta inxestión de produtos ricos en fósforo facilita a absorción do calcio dos alimentos, o que axuda a previr doenzas como a osteoporose. En cambio, se tes problemas renais, convén limitar o seu consumo.
Para gozar dos seus beneficios sen caer no exceso, recomendámosche combinares a túa ración de proteínas, cereais ou legumes ricos en fósforo con verduras e froita, que teñen pouco fósforo, e así conseguirás o equilibrio ideal.
Se queres saber máis sobre os beneficios dos minerais, recomendámosche o noso artigo «Os minerais, necesarios na nosa alimentación».