Beneficio – Ten poucas graxas

O polo é a segunda carne máis consumida en todo o mundo, e con razón! Comer polo achéganos proteínas de alto valor biolóxico, minerais, vitaminas e, sobre todo, menos graxas saturadas ca as carnes vermellas, como a de porco ou tenreira. 

Non só o dicimos nós: hai unha gran cantidade de estudos que o demostran. A Fundación Española da Nutrición explica na súa guía nutricional sobre os principais alimentos da nosa dieta que, en 100 gramos de polo, o 70,3 por cento é auga, o 20 por cento son proteínas e só o 9,7 por cento son lípidos ou graxas. 

Que debemos facer para reducir a graxa do polo? Unha das vantaxes desta carne tan saudable é que a súa graxa é moi visible. Só con tirarlle a pel xa diminuímos o seu consumo aproximadamente nun 2 por cento, sobre todo na peituga e no zanco.

A peituga é a parte do polo máis valorada desde o punto de vista nutricional porque, ao tratarse dunha das zonas máis magras, achéganos menos concentracións de graxa. Ademais, non podemos esquecer o alto contido de proteínas que contén: se comemos unha peza de 100 gramos de peituga, obtemos 21,8 gramos de proteínas. 

Agora que xa coñecemos outro beneficio máis de comer polo, só nos queda cociñalo! Pero antes dámosche outro consello. Lembra que con este alimento é moi importante respectar a cadea de frío. En caso de conxelalo, convén consumilo antes de tres meses.