Catro consellos para levar unha alimentación equilibrada

Unha alimentación equilibrada é aquela que consiste en consumir todo tipo de alimentos, obtendo así a cantidade necesaria de nutrientes para o correcto funcionamento do organismo. Cada alimento que incorporemos á nosa dieta, entendendo a dieta como o conxunto de hábitos alimentarios dunha persoa, fornece o noso corpo de diferentes nutrientes. E grazas a esta variedade podemos atopar o equilibrio imprescindible para levarmos unha vida saudable.

Antes de amosar as principais claves dunha dieta equilibrada, debemos entender os conceptos básicos da alimentación. Os nutrientes son substancias presentes nos alimentos que achegan determinados beneficios ao noso organismo. Segundo a cantidade requirida por cada persoa, poden ser macronutrientes ou micronutrientes

Os macronutrientes achegan enerxía para o bo funcionamento do organismo, e a súa inxestión é necesaria en maiores cantidades. Atopámolos en proteínas, carbohidratos e graxas. Por outra banda, os micronutrientes tamén son esenciais para o organismo debido á súa achega enerxética, pero, a diferenza dos primeiros, necesítanse en cantidades menores e atopámolos en vitaminas e minerais. Un correcto equilibrio entre ambos representará unha inxestión variada, procedente de todos os grupos de alimentos.

Que tipos de nutrientes existen e que ofrece cada grupo?

  • Os alimentos ricos en proteínas conteñen aminoácidos esenciais e cumpren funcións de construción e rexeneración de tecidos. Podémolos atopar en carnes, peixes e ovos, por exemplo.
  • As graxas, ben as saturadas, as monoinsaturadas ou as poliinsaturadas, son principalmente unha fonte enerxética, aínda que tamén teñen a función de transportar vitaminas. Encontrámolas en aceites, lácteos enteiros, froitos secos, sementes ou peixes.
  • Os carbohidratos, cuxa principal función é dar e regular enerxía doutras fontes como as graxas e as proteínas, están presentes en alimentos como os cereais, os legumes, as froitas e as verduras.
  • As vitaminas e minerais como o calcio, o ferro, o fósforo e as vitaminas A e D, entre outros moitos, son micronutrientes imprescindibles para regular múltiples procesos metabólicos e de crecemento.

Cales son as claves dunha alimentación saudable?

Agora que coñecemos os diferentes grupos de nutrientes e as súas propiedades, é importante aplicar os seguintes principios básicos para seguir un estilo de vida san e equilibrado:

Variedad

Dado que cada alimento ofrece diferentes nutrientes, a nosa dieta debe conter produtos de todos os grupos para beneficiarnos de cada un deles. Incluírmos na dieta alimentos como froitas, verduras, hortalizas, legumes, cereais, aceites, carnes e lácteos axudaranos a manter o equilibrio necesario. Un bo truco para asegurar esta variedade é buscar que os nosos pratos tamén entren polos ollos xogando coas cores para conseguir a maior inxestión de nutrientes. A dieta cromática axuda a estimular o apetito e, ao tempo, manternos sans.

Frecuencia

Para soster un estado hormonal e enerxético equilibrado, é tan importante seguirmos unha dieta variada como controlar a frecuencia e regularidade con que comemos. É esencial non esquecer ningunha comida, e recoméndase comer en menores cantidades e varias veces ao día para evitar longos períodos de xaxún.

Moderación

Os alimentos procedentes de procesos industriais, tales como bolos industriais, snacks, produtos fritidos, doces e comida rápida, teñen un contido alto de graxas, azucres e sales. Debemos reducilos ao máximo na nosa alimentación porque se trata de alimentos con nutrientes de peor calidade e de asimilación limitada.

Hidratación

A hidratación é imprescindible para o organismo xa que o noso corpo se compón dun 75 por cento de auga. Segundo a Organización Mundial da Saúde, é recomendable beber entre 1,5 e 2 litros de auga ao día. Esta substancia non só elimina residuos, senón que mantén o bo estado dos riles, hidrata os órganos e axuda nos procesos dixestivos.

Cada persoa e organismo son un mundo, e cada un require unha alimentación adaptada ás súas necesidades específicas. Ademais, é recomendable incluír a actividade física frecuente para complementar a inxestión nutricional e conseguir dese xeito un estilo de vida saudable e activo. Para axudarte, en Bon Pollo traemos a mellor selección de receitas para deixares de lado a monotonía na cociña e lograres o mellor sabor nos teus pratos.