Chega o verán, unha oportunidade para comer alimentos saudables e deliciosos
Os días son cada vez máis longos e calorosos, e iso significa que xa vén aí o verán. Coas temperaturas altas, o noso corpo ten outras necesidades. Por exemplo, require máis cantidades de auga, minerais e oligoelementos. En Bon Pollo somos moi conscientes disto e por iso queremos recomendar algúns alimentos que podemos incorporar na nosa dieta para seguirmos unha boa alimentación e saciarmos todas estas necesidades.
Durante esta estación, o tamaño e a saborosidade das froitas e hortalizas aumenta, o que nos dá ese extra de auga que necesitamos. Ademais, esta auga vén complementada con vitaminas, minerais e azucres que nos enchen de enerxía.
No noso anterior artigo amosámosche unha selección de froitas e verduras para consumir durante a primavera. Así que agora chegou o momento de elaborar unha lista dos alimentos de tempada que nos ofrece a dieta mediterránea nos meses de verán.
Froitas
Durante a primeira parte da estación, as froitas de carabuña serán as protagonistas. Aí temos moitas opcións como o albaricoque, a ameixa, a cereixa, a nectarina ou o pexego. Tamén comezaremos a atopar os primeiros paraguaios, que son un verdadeiro tesouro para a nosa saúde debido ao seu elevado contido de auga (86 por cento do total), vitamina C, minerais e carotenos.
A medida que avanza o verán podemos incorporar na nosa dieta as béveras, as framboesas, as grosellas, os arandos e a sandía. Toda esta selección contén moitos antioxidantes e, por tanto, axudaranos a coidar a pel e o corazón. Ademais son alimentos que casan á perfección en ensaladas, un prato refrescante que, desde Bon Pollo, sempre recomendamos nesta época.
Outras froitas que irán cobrando protagonismo serán os figos, as peras e as uvas, sendo o mes de agosto a época óptima para o seu consumo.
Verduras
Canto ás hortalizas, trátase tamén dunha estación con gran variedade de produtos. Destacan as cebolas tenras, as cabaciñas, os pementos, a leituga marabilla e a alfabaca fresca. Pouco e pouco irán chegando os tomates pera, os allos porros e as follas de beldroega.
É época de ensaladas, de sopas frías e de batidos que ofrecen moitas posibilidades á hora de incorporar unha gran cantidade de vexetais na nosa alimentación, tanto crus coma cocidos.
Para completar a dieta podemos acompañar estas froitas e verduras con carnes e peixes de temporada. Por exemplo, entre os peixes máis destacados nestes meses estivais temos a sardiña, o atún, o salmonete e o zurdo liso, todos eles con moito omega 3. Podemos gozar tamén do escarapote, un dos peixes brancos máis saborosos e de maior calidade, que se caracteriza ademais polo seu alto contido de proteínas.
Canto ás carnes, as máis delas podémolas consumir durante todo o ano, pero no verán, con máis tempo para churrascadas, é especialmente importante prestarlles atención a aquelas que ofrecen a súa mellor versión cociñadas á brasa.
Por último, lembra o importante que é comer variado e incluíndo pezas de froita e verdura no menú. Aproveita a incrible variedade de produtos da dieta mediterránea. O verán éche unha estación perfecta para seguires unha alimentación saudable!