Cinco alimentos e cinco consellos para estar hidratados no verán

A palabra verán ten múltiples connotacións. A gran maioría delas son positivas; outras, non tanto. A calor, que moitas veces é extrema, a perda da rutina e os excesos á hora de comer son dos poucos aspectos negativos que ten esta época do ano. E todos eles poden afectar directamente a nosa saúde.

Para evitarmos imprevistos é indispensable estar preparados. Por iso é esencial seguir unha serie de pautas e recomendacións que te van axudar a desfrutar ao máximo e da forma máis saudable dos meses que se aveciñan.

Desde pequenos veñen dicíndonos que a hidratación é a arma principal para combatermos o bochorno estival. O certo é que beber auga é imprescindible durante todo o ano, mais esta necesidade acentúase durante os meses de xuño, xullo e agosto debido ao ascenso das temperaturas. Así e todo, non hai que pensar só na auga como fonte hidratante, dado que, en gran medida, o teu nivel de hidratación tamén vai depender do que comas e como o comas. Por iso, desde Bon Pollo, ofrecémosche unha serie de alimentos moi ricos en auga cos que te debes aliar este verán para vencer a calor:

  1. Leituga. Este vexetal, alén de ser un dos máis refrescantes, é un dos máis indicados para hidratarnos porque máis do 95 por cento da súa composición é auga. Ademais, é un alimento moi doado de preparar, versátil e ideal para levalo nun táper e comelo onde queiras.

    Unha das receitas que xulgamos máis propicias para comer nesta época do ano é a ensalada de verán con delicias de polo. Neste artigo preparámola con herba dos cóengos, un alimento cuxo factor hidratante é tan alto coma o da leituga. No entanto, son dous vexetais que podes substituír, alternar ou mesmo combinar no mesmo prato.

  2. Sandía e melón. Son dúas das froitas máis esperadas no verán e das máis hidratantes que existen. Son perfectas de sobremesa, e en moitísimas casas son as froitas con que se rematan os xantares de verán. Pero o seu  papel pode adquirir máis protagonismo na mesa se as convertes nun dos pratos principais. Alén do típico melón con xamón, existen outras receitas.

    En Bon Pollo recomendámosche os zanquiños de polo con sandía e queixo feta, unha exquisita idea para saíres dos repetitivos usos que se lles dá a estas magníficas froitas.

  3. Pexego. Comer unha peza desta froita equivale a beber un vaso de auga, conque non fai falta dicir moito máis sobre a importante contribución de líquidos que nos dá este grande alimento de tempada.

    O pexego é unha froita rica en vitaminas A e C, en antioxidantes e en minerais coma o potasio, o magnesio e o iodo. Deles, o potasio, a vitamina C e a cantidade de fibra que contén axudan a protexer o corazón e mantelo san, xa que regula a presión arterial e reduce o risco de accidente cardiovascular.

  4. Tomate. Do mesmo xeito que as froitas anteriores e a leituga, o tomate está constituído por auga na súa maior parte; neste caso, máis dun 93 por cento. Ademais, contén unha gran variedade de vitaminas, minerais e antioxidantes. Entre estes últimos está o licopeno, un poderoso antioxidante de moi recomendable consumo durante os meses de verán porque, segundo se sostén nunha investigación publicada na revista Scientific Reports, axuda a protexer a pel contra os raios ultravioleta.

    Grazas aos grandes beneficios deste vexetal, propómosche que durante este verán prepares receitas con tomate e polo, como estes zancos de polo guisados en salsa de tomate e alfabaca. Pero non cociñes este prato soamente durante esta época do ano, pois unha das claves é que o consumo desta hortaliza sexa continuado.

  5. Espinacas. Esta hortaliza, aínda que polo seu aspecto poida parecer menos hidratante ca os alimentos anteriores, non ten nada que lles envexar ás outras, porque o 91 por cento da súa composición é auga. Ademais, os seus beneficios para o organismo son múltiples, xa que contribúe, entre outros aspectos, a mellorar a memoria, a vista e a previr o cancro.

    A nós encántanos porque a súa versatilidade encaixa en moitas elaboracións. En Bon Pollo propómosche unha receita ben sinxela para esta época do ano: peituga de polo con espinacas, queixo e cogomelos shiitake.

Estes alimentos debémolos acompañar con diferentes tipos de carnes e peixes para facermos un menú variado, que é a base dunha boa alimentación. Canto ás carnes, aínda que poidamos consumir as máis delas durante todo o ano, no verán é época de churrascadas e, por tanto, é fundamental incorporarmos no noso menú aquelas que ofrezan a súa mellor versión cociñadas á brasa.

Respecto á variedade de peixe desta época estival, temos o bonito, a xarda ou o zurdo liso, alimentos moi ricos en omega 3.

Ademais de coñecer os alimentos que non che poden faltar na neveira durante o verán, para vencer a calor tamén tes que seguir unha serie de consellos. Desde Bon Pollo dámosche cinco pautas sobre o que debe ou non debe inxerir o teu corpo durante as calorosas xornadas estivais:

  1. Debemos aumentar o consumo de auga aconsellado para os meses de inverno, sobre todo cando fagamos deporte ou vaiamos pasear. No verán, unha persoa adulta pode superar os tres litros e medio de auga ao día.
  2. Evita as bebidas con azucre. Ademais, dando por feito que a auga vai ser a nosa bebida preferente, cando consumamos calquera outra sempre intentaremos que non conteña azucre. As bebidas azucradas, tal que os refrescos, poden xerarnos un estado de saciedade temporal. O alto contido calórico destas pode provocar que, ao pouco tempo da inxestión, volvamos ter a sensación de sede. Por iso cómpre evitar estas bebidas e optar sempre pola auga ou as bebidas sen azucre.
  3. Controla o consumo de alcohol. As bebidas alcohólicas aceleran o proceso de deshidratación do noso organismo. Ademais, moitas destas bebidas combínanse con refrescos. No caso da cervexa, podemos optar pola 0,0. Noutras bebidas, como o tinto con gasosa, pódese rebaixar a cantidade de alcohol engadíndolle moito xeo.
  4. Cociña salsas, sopas e cremas. As comidas que están feitas a base de auga evitarán que o corpo che quede sen líquidos. Ademais, son elaboracións que podes preparar para tomalas en frío, o que, ademais de che proporcionar líquidos, servirán para te refrescares.
  5. Consume pastas e cereais. Estes alimentos tamén son a clave para evitares a deshidratación dado que, durante a cocción, absorben unha gran cantidade de auga que se fai extensiva ao noso corpo cando os comemos. Por outra parte, existen receitas, tanto para os arroces como para as pastas, que fan que se poidan comer en frío.

Con esta serie de alimentos e consellos para manterse hidratado, o único que falta é comer sen morrer de calor. Para iso, nós somos moi fans de ir á praia ou á piscina. Se es coma nós, deixa que che aconsellemos unha serie de alimentos que che van vir moi ben. Agora que sabes todo isto, lévao á práctica e… a gozar do verán!