Claves para comer ben na oficina

Pasamos gran parte da xornada na oficina ou posto de traballo, e por iso é importante establecermos unha rutina coas pautas alimentarias correctas. O coñecido como menú de tupper supón grandes vantaxes, non só para o noso peto, senón tamén para a nosa dieta e benestar. Ímosche demostrar que comer ben e variado na oficina é posible! 

Come cada 2-3 horas

Recoméndase que o almorzo e o xantar sexan as dúas comidas máis copiosas do día, mentres que as merendas de media tarde e a cea deberían ser lixeiras. Así mesmo, o ideal é comer algo cada tres ou catro horas para evitar baixadas do azucre no noso organismo ou as enchentes ao chegarmos á casa. Unha boa idea é escoller unha opción saudable entre horas, como unha peza de froita ou unha manchea de froitos secos. A pesar de os froitos secos teren máis calorías, se se toman con moderación, constitúen unha fonte moi interesante de omega 3, fibra, proteínas, vitamina E e selenio. 

Leva a cantidade que vaias comer

Botar demasiada cantidade é un erro moi común á hora de preparar comida para levar. O noso consello é levares a cantidade exacta que vaias consumir, e así evitarás os excesos. É importante incluír proteínas, carbohidratos, vitaminas, graxas e fibra, coma se estivésemos na casa. Se tes dúbidas acerca da organización das comidas, no noso artigo do blog organiza o teu menú saudable dicímosche como hai que crear pratos equilibrados e saudables.

Planifica durante a fin de semana

Se entre semana non tes tempo para preparar o tupper, podes aproveitar a fin de semana para planificares o menú semanal e mesmo cociñar para toda a semana. O coñecido como batch cooking, que non é máis que cociñar en grandes cantidades para repartilas durante toda a semana, púxose moi de moda entre as familias que traballan e ás que lles custa atopar tempo para planificaren a alimentación. Se apostamos por técnicas como cociñar á prancha, ao vapor, ao forno ou en papillota, as nosas comidas serán moito máis saudables dado que absorberán menos aceites e teremos dixestións máis lixeiras.

Come amodiño

Ás veces acumúlase tanto traballo na oficina que comer algo rápido diante do ordenador pode parecer a mellor opción, pero ten coidado! Inconscientemente comemos moito máis cando estamos fronte a calquera tipo de pantalla. É importante mastigar correctamente os alimentos para podelos dixerir como é debido, mentres que facelo mal e ás carreiras pode dificultar a absorción dos nutrientes. Isto pode desencadear nunha sensación de máis fame e aumentar así o risco de sufrir sobrepeso. Come amodo e de paso aproveita para descansar a vista.

Coida a hidratación

E por último, e non menos importante: a hidratación. Os síntomas da deshidratación son semellantes aos do apetito, de xeito que ás veces sentimos que temos fame cando en realidade o que temos é sede. Ter sempre un vaso de auga á man vainos axudar a mantermos os niveis óptimos para o tránsito intestinal, permitindo que o cerebro se manteña activo e poida regular a temperatura corporal.

A escaseza de tempo á hora de organizar as comidas pode ser motivo para caermos en malos hábitos alimentarios. En Bon Pollo aconsellamos a planificación das túas comidas semanais para evitar a monotonía e poder levar unha alimentación equilibrada, sa e variada.