Como encarar a alimentación despois das festas
É inevitable: durante o Nadal permitímonos unha serie de excesos en materia de alimentación que, en xaneiro, poden reflectirse na báscula. A seguir, dámosche uns trucos para encarares a alimentación despois das festas e comezares o ano con bo pé.
Lembra que estas recomendacións son válidas para todo o ano. Manter unha forma de vida saudable é clave para sentirnos ben por dentro e por fóra.
No canto de apostar por dietas milagreiras, difíciles de seguir e que poden ter un efecto rebote nada máis abandonalas, é preferible incluír pautas realistas e factibles na nosa rutina diaria.
Que podo comer?
Non fai falta dicir que, despois dos excesos de azucres inxeridos cos turróns e os polvoróns, o máis apropiado é volvermos a unha alimentación máis natural, sen tantos doces nin ultraprocesados.
Aposta sempre por alimentos frescos, de tempada, e por incluír cinco pezas de froitas e verduras na túa dieta diaria. En xaneiro, aproveita que é época de amorodos, kiwis, mandarinas, limóns, mazás, plátanos e laranxas.
Entre as verduras e hortalizas invernais destacan o allo, a alcachofa, as acelgas, o brócoli, a coliflor e a cabaciña. Ten en conta que as cremas de verduras son ideais para depurar o organismo, así que xaneiro é un bo mes para cociñalas a miúdo.
Canto ás proteínas, o polo é o teu grande aliado despois das festas. A súa carne é magra e contén todos os aminoácidos esenciais para o organismo. Podes crear pratos deliciosos, como estas cabaciñas recheas de solombo de polo, uns escalopes de polo con bulgur e verduras ou unhas empanadillas de polo con verduras ao forno.
Como cociñar?
Agora que xa tes chea a cesta da compra con alimentos saudables e de tempada, chega o momento de acertar coa técnica culinaria. Non é o mesmo cociñar á prancha unha peituga de polo que rebozala e fritila en aceite.
Tíralle todo o partido ao forno, á prancha e á vaporeira. Son coccións rápidas, sinxelas e deliciosas coas cales conservarás ao máximo os nutrientes e o sabor dos alimentos.
E que bebo?
Aquí non che hai dúbida: non hai nada mellor que a auga. O alcohol produce calorías baleiras, pois non ofrece nutrientes beneficiosos para o organismo. Hidratarse ben é esencial para o correcto funcionamento do corpo, e máis aínda despois dos excesos do Nadal.
As infusións, que sentan de marabilla nos días máis fríos, tamén hidratan. Ademais son depurativas e axudan coa dixestión. Tamén podes complementar a inxestión de líquidos con zumes de froitas (sempre que sexan naturais, sen azucres engadidos, e que conteñan a polpa) e tamén con purés e sopas.
Outras recomendacións
Non saltes ningunha comida. Así non chegarás con moita fame á seguinte. Por exemplo, unha boa opción de merenda é unha peza de froita, un iogur ou uns froitos secos.
A alimentación é esencial para manternos saudables e recuperar a normalidade despois das festas, pero iso non é todo. Lembra que tamén é importante practicar exercicio diario. Tampouco é preciso ir ao ximnasio todos os días, pero si que hai pequenos hábitos que podes integrar na túa rutina, como subir polas escaleiras e non coller o ascensor, ou ir pasear pola veciñanza.
Un bo descanso tamén é fundamental. Recomendámosche cear cedo para que o organismo teña tempo de facer a dixestión antes de deitarte. Para descansares mellor, tenta crear un ambiente relaxado e libre de pantallas durante un tempiño antes de durmir.
Cos trucos de Bon Pollo, a costa de xaneiro vaiche ser menos empinada e vas afrontar o ano con moita máis enerxía.