Como facer o mellor polo grellado

O seu sabor e versatilidade fan que o polo grellado sexa un clásico das comidas ao aire libre. Aprender a cociñalo, ademais de permitirche desfrutar dunha comida saborosa, vaiche axudar a impresionar os convidados coas túas habilidades culinarias.

Neste artigo ímosche amosar os ingredientes necesarios e os pasos máis importantes para preparares un polo á brasa ou grellado perfecto. Ademais, revelamos un truco infalible para que che quede saboroso e terno. Se queres saber como se fai o mellor polo grellado, continúa a ler.

Ingredientes para o polo grellado

O primeiro que necesitas para facer o mellor polo grellado é coñecer os ingredientes, que son:

  • O polo enteiro ou as pezas que prefiras (zancos, peitugas, alas enteiras, coxas etcétera)
  • Sal e pementa para condimentar.
  • Aceite de oliva, tanto para o polo como para mollar a grella.
  • Herbas e especias ao teu gusto para lle dar sabor (ourego, tomiño, paprica, hortelá etc.).
  • Zume de limón ou vinagre, aínda que isto é opcional.
  • Aderezo ou o mariñado que escollas, que tamén é opcional. Neste aspecto, hai quen opta por salsas como a mostaza ou o mollo de barbacoa para mariñar o polo.

Como se fai o polo grellado paso a paso

Unha vez comprados e preparados todos os ingredientes para o polo grellado, lava as mans, pon o mandil e sigue detalladamente estes pasos.

1. Preparación do polo:

  • Primeiro, limpa ben o polo con auga fría e sécao con papel absorbente.
  • Se empregas un polo enteiro, pódelo partir en pezas máis pequenas para facilitar a cocción.
  • Bótalle por riba sal e pementa

Ademais, e se o prefires, podes mariñar o polo nunha mestura de aceite de oliva, herbas, especias e zume de limón ou vinagre durante polo menos unha hora, ou mesmo durante toda a noite para mellorar o sabor. Ou tamén con algunha salsa, como pode ser a de barbacoa ou a mostaza.

2. Disposición da grella e da brasa:

  • Prende a grella e quéntaa a lume medio-alto. Para a brasa, fai o lume con leña e deixa que se vaia consumindo para facer brasas.
  • Cepilla un pouco a grella con aceite para evitar que o polo se pegue durante o asado.

3. Asar o polo:

  • Pousa o polo sobre a grella, que xa estará quente, e déixao a asar durante aproximadamente 5-7 minutos por cada lado. O tempo dependerá do tamaño e grosor das pezas.
  • Emprega unhas pinzas ou espátula para lle dar a volta ao polo. Recomendámosche que non uses un garfo; así non perforarás a carne e non perderá os seus zumes.
  • Continúa a asar o polo dándolle a volta regularmente, ata que alcance unha temperatura interna de 74 °C. Para coñecer a temperatura, podes cravar un termómetro no zanco ou na peituga.

A partir de aquí só terías que retirar o polo da grella, sentar e desfrutar en compañía de amigos, da familia ou de quen ti queiras.

Trucos e consellos para facer un polo grellado saboroso

Hai un truco infalible para que o polo grellado che quede saboroso: é a técnica da dobre cocción. Despois de cociñar o polo na grella ata que estea case listo, retírao do lume e envólveo en papel de aluminio.

A seguir, deixa que descanse durante uns 10 minutos no papel de aluminio para permitir que os zumes se redistribúan e a carne amoleza. Así vaiche quedar máis saborosa e tenra, como sucede con outros guisos de polo. Por último, pousa o polo outra vez na grella durante 1-2 minutos por cada lado para lograr unha pel deliciosa e crocante.

Tamén hai outro truco para lle dar máis sabor, e consiste en empregar para a brasa madeiras aromáticas como a de nogueira, a de maceira ou a de mezquite. Ao arder afumarán o polo mentres se cociña.

En definitiva, esta receita de polo grellado éche unha opción deliciosa e saudable para desfrutar ao aire libre. Seguindo estes sinxelos pasos e empregando os ingredientes axeitados, poderás preparar o mellor polo grellado. Sorprende a xente coas túas habilidades culinarias e goza dunha comida saborosa que adoita namorar a todos os públicos!