Como levar unha vida saudable traballando desde a casa
Máis de tres millóns de persoas teletraballan en España de xeito habitual, o que supón o 16,2 % da poboación activa. A cifra triplicouse respecto a antes da pandemia. Parece que o teletraballo chegou para quedar.
Se es dos que traballan a distancia, xa detectarías cambios positivos ante esta nova situación (por exemplo, máis tempo para durmir pola mañá), pero tamén algunhas carencias que antes non sufriamos (menos socialización ou unha vida máis sedentaria son dúas das máis evidentes).
Neste artigo ímosche dar algunhas pautas que che van servir para manteres un estilo de vida saudable mentres teletraballas.
Descansa a vista diante da pantalla
Se teletraballas, probablemente botes toda a xornada laboral diante dunha pantalla. E iso pasa factura.
A menor exposición á luz solar por permanecer demasiado tempo en interiores é un factor que potencia a miopía, tal como indican diversos estudos sobre como o confinamento aumentou drasticamente os casos de miopía no mundo.
Tanto se tes problemas de vista coma se non, os dispositivos electrónicos requiren un esforzo extra do ollo para enfocar de cerca, o que provoca fatiga visual. Ademais, ante as pantallas pestanexamos menos e podemos sufrir sequidade ocular ou xaquecas.
Para minimizares estas indesexadas consecuencias, é importante realizar descansos visuais de 20 segundos cada 20 minutos. Se podes, aproveita estes descansos para mirar ao lonxe pola fiestra: así aliviarás a vista e ademais estarás exposto á luz solar.
Fai estiramentos e actívate
Ao non ter que desprazarnos fisicamente ata o posto de traballo, agora camiñamos moito menos ca antes, e iso aumenta o noso sedentarismo. Así e todo, teletraballar non debería ser sinónimo de pasarmos oito horas sentados diante do ordenador sen mudar sequera a postura.
Realiza estiramentos para desentumecer as articulacións e aproveita as pausas e os descansos visuais que recomendamos no punto anterior para levantarte da cadeira, moverte e activarte.
A OMS recomenda camiñar 10 000 pasos diarios, pero xa te darías de conta do difícil que é alcanzar esta cifra cando temos o despacho no cuarto do lado ou no mesmo comedor.
Terás que buscar maneiras creativas de activarte e facer exercicio antes, durante e despois da xornada laboral. Sempre que poidas, deixa a un lado o coche, a moto ou o transporte público. Cada paso conta, e calquera escusa é boa para camiñares un pouco (baixar para comprar o pan, ir un momentiño á farmacia, botar o lixo…). E, de volta na casa, aproveita para subires polas escaleiras e non polo ascensor.
É o momento de comer mellor
Se hai un aspecto en que sen dúbida saímos beneficiados desde que teletraballamos é o da alimentación. Iso si, sempre que non caiamos na tentación de enchernos con todo canto teñamos na despensa cada vez que nos veña a fame.
Se non estás a aproveitar o período de teletraballo para comeres de xeito máis saudable, deberías cambiar xa mesmo os teus hábitos alimentarios na casa.
Cando pasabamos a xornada enteira na oficina, era moito máis difícil disciplinar ben as comidas: saïamos máis a miúdo a comer fóra (coas consecuentes dixestións pesadas), outras veces comprabamos calquera cousa e comiámola diante do ordenador, ou requentabamos no microondas un tupper que podía levar varios días feito.
Na casa, pola contra, resulta moito máis doado organizar as comidas e consumir alimentos frescos de preparación sinxela.
Se non queres perder demasiado tempo durante a pausa do xantar, á hora de organizares o menú semanal podes deixar varias elaboracións preparadas con antelación (o batch cooking, que está tan de moda) e cociñar a proteína no momento de consumila (o teu padal vaino agradecer).
O polo é un alimento moi versátil e saudable, conque é aconsellable incluírmolo varias veces por semana na dieta, e pode converterse no noso grande aliado se teletraballamos. Ao vapor, á prancha e ao forno son tres opcións sas e fáciles de cociñar carne de polo.
Queres ideas para preparalo? En Bon Pollo encántanos axudarte. Bótalles un ollo ás nosas deliciosas receitas.
E se tes problemas técnicos cada vez que hai que coller o mandil e pórse a cociñar, estes dous artigos vanche ser moi útiles:
Agora xa coñeces os pequenos cambios que podes aplicar durante a xornada laboral para te sentires mellor e activares o corpo. Só falta levalos á práctica!