Como sorprender os invitados nestas festas

Turróns, panxoliñas, mercados de Nadal, compras, luces decorativas nas rúas… O Nadal xa vén aí e apetécenos xuntarnos de novo coa familia e os amigos para celebrarmos estas festas tan especiais e esperadas.

Se vas recibir convidados, seguro que xa estarás a pensar no menú ou en como vas preparar a mesa. Non se che ocorre nada? Non te preocupes! Deixámosche aquí algúns consellos para te inspirares e poder sorprendelos gratamente.

Decora a mesa e coida ata o menor detalle

Moitas veces centrámonos tanto no menú que nos esquecemos de preparar correctamente a mesa. No entanto, os detalles tamén importan, e unha boa decoración é esencial para destacar e deixar impresionados os comensais. Anímate e dálle á mesa ese toque único e estiloso. Suxerímosche algunhas ideas.

Antes de preparar a mesa tes que ter claro que estilo prefires para escoller unha decoración acorde: elegante, tradicional, moderno, minimalista… Isto vai determinar a gama cromática que escollas, que tamén deberá ser homoxénea e manterse en todos os elementos decorativos.

A roupa de mesa

Imos comezar pola mantelería. Se optas por un estilo máis moderno e sinxelo, podes probar con tecidos brancos ou beixe, pero se prefires algo máis refinado, arríscate coas cores escuras. O negro sempre é un acerto. Se tes unha mesa de madeira, podes prescindir do mantel e escoller tapetes individuais ou baixopratos e panos de mesa en tonalidades claras, que combinan ben coas texturas de madeira.

A vaixela 

Os pratos e os cubertos deberán combinar cos manteis e os panos de mesa. Se os tecidos son escuros, resáltaos con cubertos e pratos dourados ou prateados; pola contra, se son claros, podes manter as mesmas tonalidades e empregar unha vaixela branca ou agrisada. E se lle dás un chisco de cor? Proba cos rosas empoados ou azuis intensos e lucirás unha mesa de estilo moi chic.

O centro de mesa 

E chegamos ao elemento principal: o centro de mesa. Un centro de mesa ben escollido é o detalle que marca a diferenza. Podes optar pola clásica coroa de rama de piñeiro ou as grilandas, pero nós animámoste a probares con algo diferente.

Se che gusta o estilo máis minimalista, unhas candeas pequenas —ou un candeeiro— poden ser unha boa opción, especialmente se queres dar calidez. Colócaas dentro de botellas ou botiños de cristal para ofrecer algo diferente.

A vexetación natural é unha opción moi elegante. Acerca o bosque á mesa engadindo ramiñas secas, frouma ou piñas —píntaas de dourado ou prateado se queres darlle un toque máis sofisticado ao centro de mesa—. 

As tonalidades vermellas son sempre un acerto no Nadal, pero esquece as follas de acivro e aposta por algo diferente, como unhas ramiñas con froitos do bosque combinadas con follas secas de eucalipto. Podes darlle máis calidez á mesa decorando algunhas ramas verdes cunhas delicadas grilandas luminosas.

E, se queres ter algún detalle orixinal cos convidados, personaliza os gardapanos ou imprime o menú e colócao sobre os pratos. Seguro que lles encanta!

Planifica un bo menú de Nadal

Por suposto, non podemos esquecernos de ofrecer un bo menú para os comensais. O Nadal é sinónimo de enchentes que, moitas veces, acaban en empachos e dixestións pesadas que poden xerar moito malestar. 

Así e todo, é posible servir un menú que impresione os invitados sen caermos no exceso. Non o cres? Sigue a ler, porque che ofrecemos algúns consellos moi útiles. 

Planifica sempre un menú equilibrado e controla as cantidades que vas servir, especialmente os entrantes.

Os entrantes

Aproveita a ocasión para ser orixinal e aposta por entremeses diferentes, como unhas tapas de aguacate, mango e lagostinos, froitos secos ou hummus, aínda que tamén podes optar por unha ensalada máis clásica; as verduras son as grandes esquecidas destas festas, conque seguro que os teus convidados o van agradecer.

O prato principal

O prato principal vai marcar a diferenza no teu menú. Nestas datas adóitase comer moita carne graxa, de maneira que che recomendamos cociñar polo. O polo é unha carne branca, magra, moi saborosa e cun gran valor nutricional: proporciona un elevado contido de proteínas, vitaminas e minerais elementais. 

Grazas ao seu baixo contido de graxa, é unha carne de moi fácil dixestión, de xeito que resulta unha opción ideal para os menús de Nadal. Ademais, o polo é moi versátil, de maneira que podes preparar unha infinidade de pratos diferentes.

En Bon Pollo encántanos deseñar receitas e proporcionarche ideas orixinais para presumires da túa faceta culinaria. Bótalles un ollo a algunhas das nosas receitas de Nadal e sorprende os teus invitados. Bo proveito! 

  • Polo macerado con salsa de turrón. O turrón é un dos grandes protagonistas do Nadal. Para esta ocasión imos engadirlle ao polo macerado unha cremosa salsa de turrón de Xixona. Sabor de Nadal en estado puro.
  • Zanquiños de polo con lagostinos e ameixas. Unha receita tradicional da gastronomía catalá onde se xuntan o mar e a montaña. Combina os zanquiños de polo con lagostinos e remata o prato co sabor das ameixas. Irresistible.

As sobremesas

Por último, non te pases coas sobremesas. Podes servir unha selección de turróns e polvoróns, por suposto, pero procura engadir froita no menú, sobre todo se é depurativa, como os amorodos ou a piña. Que che parece unha refrescante macedonia ou uns divertidos sorbetes de froita?

Xa sabes como sorprender os convidados neste Nadal? Esperamos que as nosas ideas che sirvan de inspiración. Boas festas!