Consellos para cociñar o polo no wok
O polo é un dos alimentos máis versátiles na cociña. Existen mil xeitos de elaboralo: á prancha, ao forno, guisado, rebozado… Neste caso propómosche facelo ao wok, recipiente oriental que lle dá nome a unha maneira de cociñar. Se falamos da versatilidade da carne desta ave, esta técnica culinaria non queda atrás, xa que che vai permitir xogar cos ingredientes e condimentos que acompañan o alimento principal. Emprega diferentes verduras. Atrévete a cambiar e consigue así un polo ao wok con moita personalidade.
Escoller ben a peza
Como en toda receita, o primeiro paso antes de pórse mans á obra é escoller ben a peza que imos cociñar. As características que fan que un polo sexa de calidade percíbense, entre outros aspectos, na súa cor. Se presenta tons esbrancuxados ou amarelentos, significa que é un anaco fresco e bo.
Á hora da elaboración tamén é importante escollermos a parte que imos empregar. Neste caso decantámonos pola peituga, unha das partes máis magras e tenras do animal. Ademais, é unha das máis firmes e polivalentes, o que a converte nunha habitual nos menús de todas as casas e restaurantes.
Coidado co corte
Unha das claves para cociñar esta receita oriental é o corte que lles dás tanto á carne como ás verduras. O truco está na uniformidade, isto é: en que as proporcións dos alimentos que vaias cociñar sexan o máis similares posible.
Canto ao polo, podes partilo a tiras ou a cubos dunha dimensión media. Igual que coa carne, as verduras tamén podes facelas a tiras (en xuliana) ou a cubos. No entanto, lembra que os vexetais teñen gran protagonismo neste prato, conque tes que intentar que as pezas sexan grandes dabondo para que o comensal poida desfrutar dos sabores e das texturas sen perder detalle.
O lume, sempre alto
Unha vez teñamos todos os produtos listos, é hora de comezar coa preparación. Para iso hai que ter en conta que, antes de introducirmos os alimentos no lume, o wok ten que estar ben quente. Ademais, durante todo o proceso cociñaremos con temperaturas altas. Por tal motivo é importante empregarmos aceites que sexan resistentes ás altas temperaturas para evitar que o prato se nos queime e se nos estrague.
A técnica wok hei
Ao traballarmos cos fogóns a máxima potencia, tamén é crucial remexer constantemente os alimentos que cociñamos para que non se queimen. Á hora de cociñar esta receita existe a técnica do wok hei, expresión en cantonés que describe o movemento continuo para axitar os produtos que preparamos dentro do recipiente chamado wok. Deste xeito, alén de evitar que se abrasen o polo e as verduras, conseguimos que o sabor e os aromas dos produtos se repartan por todos os alimentos.
Para levarmos a cabo esta técnica cómpre moita práctica e destreza. Por iso, se aínda non sabes facer o wok hei, non pasa nada: tamén podes empregar unha pa de madeira para remexer os alimentos. O importante é mesturar constantemente os alimentos durante toda a elaboración.
Atrévete a engadir fideos ou arroz
Aínda que os protagonistas desta receita son o polo e as verduras, tamén podes probar a engadir fideos ou arroz, que farán que o prato resulte máis contundente e completo. En calquera dos dous casos, tes que botar estes ingredientes unha vez fervidos e escoados. Introducirémolos no wok cando a carne e as verduras estean cociñadas e durante pouco tempo, o necesario para que o sabor da elaboración empape a pasta ou o arroz e quede totalmente unificado.
Despois de ler estes consellos, seguro que os teus convidados van quedar encantados a próxima vez que lles prepares esta receita. Chegados a este punto, deixa que che fagamos unha última suxestión e proba a cociñar o noso wok de polo ao curry.