Consellos para cociñar polo ás finas herbas
O polo ás finas herbas é unha receita emblemática que se leva preparando desde hai moitísimos anos. Obviamente, cadaquén dálle o seu propio toque, e existen distintas variacións na súa elaboración.
Tanto se se trata da túa receita estrela como se aínda non tiveches a oportunidade de cociñala, hoxe dámosche algúns consellos para que o polo ás finas herbas continúe a ser unha receita persista durante xeracións.
As herbas, a clave do éxito do prato
Boa parte do éxito do polo ás finas herbas recae, e non podía ser doutro xeito, nas herbas. Pódelas obter xa preparadas ou podes elaborar ti a mestura de especias aromáticas. En todo caso, é moi importante que estean picadas moi finas.
No momento de engadilas, non deixes ningunha parte do prato sen empoar, pero tampouco abuses delas, porque poden chegar a tapar o sabor do polo. A clave está en agregar a cantidade exacta que manteña o equilibrio. E lembra: cando falamos de finas herbas, non podemos esquecer ningunha das máis aromáticas:
- tomiño
- alfabaca
- ourego
- perexil
- romeu
Adobar ou mariñar? Trucos para un polo ás finas herbas perfecto
Entre adobar e mariñar o polo existe unha diferenza que afectará tanto o resultado coma o sabor. Unha non é máis correcta ca a outra, conque animámoste a experimentar coas dúas formas para elixires a que máis che guste!
- Adobar: esta técnica empregámola nas carnes. Non che poden faltar o aceite e as especias. Se optas por esta preparación, primeiro sazona a peza e despois engádelle o adobo para que o polo quede ben impregnado. Déixao a repousar durante unhas 3 horas na neveira.
- Mariñar: se queres darlle sabor e abrandar as fibras da carne, o mariñado é a técnica apropiada. Baséase en abrandar a peza empregando un compoñente ácido co cal se realza o sabor e a saborosidade. Non é o mesmo mariñar peixe que carne. Se estás a cociñar un polo enteiro, tes que mariñalo durante 12 horas como mínimo. Se se trata de aliñas, peitugas ou zancos, abonda con 3 ou 4 horas. Recordámosche as proporcións que vas necesitar para o polo: 1 parte de aceite, 2 partes de ácido (vinagre ou limón) e, opcionalmente, 2 partes dunha bebida con alcohol. A nosa favorita é, por suposto, o viño: dálle un sabor máis intenso á carne.
Ao forno: a preparación máis saudable e suculenta para o polo ás finas herbas
Para obter un resultado final impecable, tes que coñecer todos os segredos da cociña ao forno. A seguir, dámosche un último consello específico sobre como preparar ao forno os zancos de polo ás finas herbas.
Non te esquezas de prequentar o forno durante uns 30 minutos a 175 °C. Unha vez listo, introduce o polo no forno e sube a temperatura a 180 °C. Déixao no forno durante 40-50 minutos, pero non te esquezas del! Vai comprobando o seu estado e, de cando en vez, dálles a volta aos zancos. Así asegúraste de que se douran polos dous lados.
Agora que coñeces as técnicas infalibles para preparares un bo polo ás finas herbas, tócache a ti!