Consellos para cociñar un polo reenchido

A carne de polo é un ingrediente ideal tanto para cociñármola decotío como nunha ocasión especial. Xa veñen aí as épocas de celebracións e hai alimentos que non che poden faltar na despensa

Cociñar un polo reenchido é unha opción suculenta e interesante que seguro que lles vai encantar aos teus convidados. Iso si, ten coidado. Tes que prestar moita atención ao preparares o prato estrela da mesa. Compartimos contigo uns consellos para cociñar o polo reenchido e que sexa todo un éxito. 

Escoller ben a peza

O primeiro paso para cociñar un bo polo reenchido consiste en escoller con moito coidado a peza que imos preparar. Antes de comprarmos o polo debemos saber que tipo de recheo queremos empregar e, sobre todo, para cantas persoas imos cociñar. 

Recomendámosche non escoller pezas demasiado grandes. Canto maior sexa o tamaño do polo, máis tempo de asado vai querer (pode chegar a superar as tres horas de forno), e entón será máis complicado conseguir que a carne quede saborosa. Aconsellámosche valorar a opción de preparares dúas pezas de polo medianas en vez de cociñar unha moi grande. Como di o refrán, as boas cousas véndense en pequenas doses.

Desosar o polo

Unha vez seleccionada a peza, o segundo paso para conseguir un bo polo reenchido consiste en limpalo ben. Sempre lle podes pedir ao teu carniceiro de confianza que cho prepare, pero se te animas a facelo na casa, verás que é moito máis doado do que parece.

Existen distintas técnicas para desosar o polo. Unha das máis comúns é abrilo polo esterno e, unha vez libre de ósos, coselo con fío de bridar. Con todo, se posteriormente o vas reencher, recomendámosche o desosamento enteiro, especial para reencher, sen necesidade de cortar a pel nin a carne. 

Lembra que unha das claves está en empregar un coitelo ben afiado. O ideal é un desosador para as aves grandes e un coiteliño de estonar para as aves máis pequenas. 

Meter o polo en salmoira

O polo é unha carne que pide moita atención se queremos que quede especialmente saborosa. Un simple descoido mentres o asamos no forno pode facer que nos quede seco. Como podemos evitalo?

A salmoira líquida é unha técnica moi eficaz para aumentarmos a humidade e tenrura da carne, e ademais reálzalle o sabor. 

Comeza preparando un recipiente grande dabondo para poder cubrir toda a peza con auga, pero ten en conta que tamén ten que caber no refrixerador. A seguir, engádelle ¾ de cunca de sal kosher por cada 4 litros de auga e remexe ata que se disolva. O sal é necesario para que a auga entre nas células do polo. 

Incorpóralle azucre á auga, e procura que sexa a mesma cantidade que a do sal. Isto é prescindible, pero moi recomendable, porque lle vai dar cor á pel do polo e vai aumentar a caramelización da carne. Ademais, para lle dar máis sabor tamén podes agregar outros condimentos que che gusten, como pementa, zumes de froita ou herbas frescas.

Unha vez lista a mestura, férvea durante 1 minuto, déixaa a repousar e, cando estea totalmente fría, somerxe nela o polo. Cubre o recipiente con papel filme e déixao a repousar na neveira. No caso de pezas pequenas con 1 ou 2 horas será suficiente, pero se se trata dun polo enteiro, recomendamos que repouse entre 8 e 12 horas. 

Cando pase o tempo necesario, saca a salmoira do frigorífico, separa o polo da mestura e seca o exceso de auga da carne cun papel de cociña. 

Cubre o polo antes de metelo no forno

Cando xa temos o polo reenchido, chega un dos momentos máis decisivos: metelo no forno. É complicado cociñar o polo ao forno á perfección, pero todo é cuestión de práctica. O proceso de asadura vai ser lento, pero a paciencia ten a súa recompensa.

Prequenta o forno a 175 °C. Antes de introducires o polo, cubre a zona da peituga con papel de aluminio untado en aceite. Iso fará que o sabor se impregne ben e que o zume que vai desprendendo a carne se mesture co polo. 

O tempo de cocción vai ser de entre 2 e 2 horas e media, dependendo do tamaño da peza. Cando o polo leve aproximadamente 1 hora no forno, podes tirarlle o papel de aluminio e, durante o tempo restante, ir regando o polo cos propios zumes que desprende. Se o prefires, tamén podes agregarlle caldo  ou unha copiña de viño. 

Despois destes consellos, seguro que o teu polo reenchido lles vai encantar a todos os comensais. Se queres pórlle o ramo ao prato, recomendámosche reencher o polo con cabaza, mazá e uvas, unha receita impresionante.