Consellos para coidarmos a alimentación fóra da casa

Cando viaxamos ou simplemente facemos pequenas escapadas, aínda que sexa para pasar o día, resulta doado caer en malos hábitos de alimentación. Isto é algo que nos ten pasado a todos en maior ou menor medida, conque desde Bon Pollo queremos darche uns consellos e recomendacións para comeres fóra da casa de xeito saudable e seguires desfrutando da gastronomía sen excesos nin carencias nutritivas. 

  • Non saias da casa con fame. Un dos principais erros cando acudimos aos restaurantes é chegar esfameados. Recomendámosche escoller unha peza de froita ou un snack saudable que che permita pensar ben a túa escolla e non elixir desesperadamente aqueles alimentos graxos que o teu cerebro pide para encher o déficit calórico.
  • Aprende a escoller. A calidade do local conta, e por iso che recomendamos escoller o restaurante con antelación e, se podes, botarlle un ollo ao menú e as súas diferentes opcións. Dálle prioridade á proteína de calidade e ás verduras ou carbohidratos como acompañantes.
  • Inclúe gornicións saudables. As gornicións poden ser as nosas aliadas cando se trata de complementar o prato con vitaminas e minerais. Como? Incluíndo verduras! Un truco que che propomos consiste en mellorar esas gornicións. Por exemplo, substituír as patacas fritidas por patacas ao forno, ou o pan por ensalada ou unha ración de verduras. Nos máis dos restaurantes non teñen problema ningún en facer tales cambios, só tes que preguntar.
  • Pide as salsas por separado. É posible que as salsas, cremas ou queixos veñan xa incluídas no prato, pero sempre tes a opción de pedir que chas sirvan á parte para así decidires ti mesmo a cantidade, ou ben mergullar o garfo na salsa antes de cada bocado. Seguirás gozando do sabor dos aderezos, pero controlando as porcións.
  • Hidrátate. Debemos ser conscientes da importancia de manternos hidratados fóra da casa. Ademais, é preferible evitarmos calquera tipo de refresco azucrado ou bebida alcohólica porque teñen calorías en exceso e poden resultar prexudiciais para a saúde. A auga é a mellor opción, e se desexas ese efecto efervescente sen calorías extra, podes decantarte pola auga mineral con gas. 
  • Come amodo e desfruta. É importante tomar o tempo necesario para comer, desfrutar de cada bocado e da compañía. Comer amodo é unha técnica moi eficiente á hora de escoitar o noso corpo e recoñecer cando nos sentimos satisfeitos.
  • Mide as porcións. Moitos restaurantes serven cantidades moi xenerosas, mesmo para compartir. Non é preciso comer todo o que vemos no prato; é importante parar cando nos sintamos cheos. Ademais, sempre podes pedir o que sobre para levar! 
  • Comparte a sobremesa. Todos temos unha debilidade, e se a túa é a sobremesa e non queres pasar sen ese toque doce, compártea. Dese xeito poderás saborear e medir as racións. Iso si, sempre podes escoller unha peza de froita.

Estes son os nosos consellos, agora tócache a ti. O equilibrio e o balance da nosa alimentación e o exercicio físico diario son primordiais nun estilo de vida saudable, mais non fai falta obsesionarse. Lembra que o máis importante é saber desfrutar desa saída tan esperada.