Consellos para filetear peitugas de polo de xeito rápido e sinxelo
Existen infinitas receitas e modos de cociñar un alimento tan rico e saudable como o polo, pero un dos segredos para que os pratos che queden irresistibles está en como cortas a carne.
Por iso compartimos hoxe contigo uns cantos consellos sobre como hai que filetear unha peituga de polo. Así poderás aplicalos cando esteas a cociñar e queiras preparar as pezas ao teu gusto e da maneira que mellor se adapte aos teus pratos.
Escolle a peituga de polo adecuada
O polo é a segunda carne máis consumida en todo o mundo, e con razón! Proporciónanos moitas proteínas, vitaminas e minerais, ten pouca graxa e, ademais, activa o noso metabolismo. Por iso temos que saber escoller pezas de calidade e coñecer cales son as que mellor se adaptan ao prato que queremos preparar.
Un indicador infalible da calidade da carne é a cor. Cando se trata de polo, un ton branco ou amarelento significa que a peza é boa e fresca.
Prepara a peituga antes de cortala
Antes de comezares, asegúrate de que estás a empregar o coitelo axeitado. Debe ser fino e estar ben afiado. Comeza preparando a peza, e retíralle todos os nervios que atopes a primeira vista. Axúdate da punta do coitelo para limpala e separar os anacos de cartilaxe que atopes. En caso de que a carne presente partes vermellas, quítallas tamén, así como as pequenas veas que poidas atopar.
Ás veces poden vender a peituga unida coa punta da ala do polo. Para preparala, é mellor pedir que cha separen, pero, se non, cun simple paso podes facelo ti. Utiliza a punta do coitelo para buscar a articulación e corta guiándote por ela. Deste xeito conseguirás obter só a carne, que é a parte que nos interesa.
Comeza a filetear
Chegou o momento de pórse mans á obra e comezar a cortar. Antes de nada, é importante decidir que queres cociñar para definir o grosor dos filetes que vas preparar.
Unha vez que o teñas claro, pousa a carne sobre unha superficie que non esvare; recomendámosche que o fagas sobre unha madeira de cortar. Suxeita ben a peza coa palma da man pola parte máis grosa. Pero vai con coidado, nunca lle mostres as puntas dos dedos ao coitelo.
Vai introducindo o coitelo aos poucos, non pola punta: emprega todo o fío. Repara na dirección do corte: debe ir sempre paralelo á mesa para conseguires un filete o máis uniforme posible. Procura facer cortes limpos, cousa que che vai ser máis doada se non moves o coitelo en exceso. Repite este procedemento dándolle a volta á peza ata conseguires o número de peitugas que precises.
O toque final
Cando xa teñas todos os filetes cortados, podes empregar un mazo para lles dar uniformidade ás pezas. Bate suavemente na carne para igualar as partes máis grosas coas máis finas, e ten coidado de non furar as peitugas, pois a carne tenra é moi delicada.
Se non a vas cociñar decontado, é moi importante que a conserves correctamente. Emprega separadores para que os filetes non se che xunten. Deste xeito poderás gardalos todos xuntos e dividilos con facilidade no momento en que os vaias preparar. Tamén podes envasalos ao baleiro e conxelalos sen problema.
Existen moitísimas maneiras orixinais de cociñar as peitugas de polo: cocidas, mariñadas, reenchidas… Pon en práctica o teu corte preparando a receita que máis che guste!