Creatividade entre fogóns: 6 receitas de polo con especias
As especias son as nosas grandes aliadas na cociña. Son ese elemento que, en moitas ocasións, pode marcar a diferenza entre un prato eslamiado e unha receita incrible.
Con todo, sentimos dicirche que non existe unha ecuación infalible para cociñar con especias: a intuición e a experiencia desempeñan un papel moi importante no seu uso.
A nosa recomendación é que te asegures de probar sempre as túas elaboracións para rectificares a condimentación: non hai nada como aderezar ao teu gusto. Cada padal é un mundo, non todos toleramos do mesmo xeito o picante nin nos gustan as mesmas intensidades de sabores.
Neste artigo propómosche 6 receitas de polo con especias moi saborosas para desenvolveres a túa creatividade entre fogóns, e indicámosche algunhas combinacións de especias que non poden faltar na túa despensa para condimentares o polo.
O poder das especias: sabor e benestar
A maxia das especias é que, con cantidades moi pequenas, conseguimos sabores incriblemente aromáticos e intensos.
Ademais, nalgunhas delas atopamos unha alta concentración de micronutrientes (vitaminas e minerais) que conteñen propiedades beneficiosas para o organismo. Ese é o caso de especias como a alfabaca, o comiño, o ourego, o tomiño, o aneto, a canela, o xenxibre, o pemento ou a cúrcuma.
Se hai un alimento que admite todo tipo de especias e herbas aromáticas, é a carne de polo debido ao seu suave sabor e saborosidade. A seguir dámosche algunhas ideas para te inspirares e deixares voar a imaxinación entre fogóns.
A especia máis básica e importante da túa despensa: a pementa
Se soamente nos deixasen cociñar cunha única especia durante o resto das nosas vidas, para moitos a escollida sería, sen dúbida, a pementa, sobre todo se está acabada de moer.
O certo é que a pementa potencia o sabor de calquera elaboración de maneira estimulante e, ademais, axúdanos a reducir o consumo de sal. É o toque final perfecto para rematar calquera prato salgado. Non che pode faltar nunca na despensa.
Pero dado que, por sorte, ninguén nos vai obrigar a escoller, a seguir propómosche combinacións de especias moi interesantes para sorprenderes as papilas gustativas e encheres os pratos de cor, sabor e alegría.
Combinacións de especias para viaxarmos polo mundo sen movernos da casa
Como xa dixemos, a carne de polo é ideal para cociñar con especias. Podes optar por empregar unha soa (como o ourego ou a alfabaca) ou por preparares unha combinación de especias que te trasladará a outros recantos do planeta sen necesidade de te moveres da cociña:
- Europa. Se reparamos nos franceses, podemos condimentar as nosas peitugas de polo (ou a parte que escollamos) ás finas herbas ou ás herbas provenzais. Ambas as opcións baséanse en combinacións de herbas aromáticas con distintas variacións. Poden incluír ceboliño, perexil, estragón, alfabaca, tomiño, ourego etcétera.
- África. No norte do continente africano é moi típico o ras el hanout, unha combinación de especias que adoita levar pementa negra, cardamomo, comiño, canela e noz moscada.
- Asia. Nos países asiáticos empregan especias moito máis potentes e picantes. O curry, composto de diferentes especias entre as cales destacan o coandro, a cúrcuma, a pementa de Caiena e o comiño, é o rei do sueste asiático. Outra mestura moi habitual na cociña india é o garam masala, unha potente combinación de canela, pementa, cravo, noz moscada e cardamomo.
As receitas de Bon Pollo máis saborosas e especiadas
En Bon Pollo encántanos cociñar con especias e proporcionarche ideas útiles para converteres a gastronomía nun delicioso pracer.
Bótalles un ollo a algunhas das nosas receitas máis especiadas. Vanche encantar!
- Escalopes recheos de champiñóns con salsa de caqui. Nesta receita maceramos os escalopes con salsa de soia, mel, aceite de oliva, tomiño e romeu fresco. O resultado é espectacular.
- Receita | Coxa de polo con salsa de mandarina especiada. Para elaborar esta receita inspirámonos na cociña do Extremo Oriente e empregamos xenxibre, cardamomo, coandro, comiño, pementa de cinco cores, loureiro e ceboliño. Vivan as especias e as herbas aromáticas!
- Polo recheo de limón, tomiño, romeu e ameixas. Se estás a buscar unha receita de polo tradicional, con todo o sabor da terra e un toque moi aromático de tomiño e romeu, este prato é o tal para ti.
- Polo ao limón e caiena. É unha das nosas elaboracións favoritas: sinxela, saborosa e cun toque picante bastante adictivo. Xoga coa caiena ao gusto, ata dares co teu punto ideal.
- Aliñas de polo ao pemento con patacas. O pemento doce é unha das especias máis valoradas na gastronomía española. A combinación coas aliñas de polo é sensacional.
- Polo ao curry con lentellas e arroz. Non podía faltar unha receita de curry nesta lista. Mercar un sazonador de curry non ten tanto chiste como prepararmos a nosa propia combinación ao gusto, que é o que che propomos en Bon Pollo.
Xa decidiches con que especia vas cociñar hoxe a carne de polo? Pois mans á obra!