Guía básica para preparar os mellores guisos de polo

Os guisos de polo son un prato fundamental na nosa gastronomía, e unha das receitas máis queridas por todos. Un bo guiso ten a capacidade de facernos entrar en calor, de saciarnos e de deixar a todos os comensais cun fantástico sabor de boca.

Neste artigo dámosche todas as claves para aprenderes a preparar guisos de polo deliciosos de xeito intuitivo. Desta maneira, poderás adaptar as túas elaboracións aos ingredientes de que dispoñas en cada momento o cos que máis che apeteza cociñar: sigue simplemente estes sinxelos consellos e conseguirás un pratazo para cada ocasión. Alá imos!

Que cortes de polo hai que elixir para un guiso?

Nun bo guiso, o máis importante é que a carne quede saborosa e tenra despois de cociñala coas verduras e o mollo.

Entre os cortes máis indicados están os zanquiños e coxas, xa que nos permiten dourar a pel para lle dar un toque extra de sabor. Polo mesmo motivo, os cuartos traseiros e as delicias tamén son unha boa opción, e mesmo poderías empregar as aliñas se queres, aínda que seguramente terás que engadir máis cantidade para asegurarte de que vai haber carne dabondo para satisfacer a todos.

Por outro lado, é mellor evitar as peitugas. Debido ao seu baixo contido de graxa e a que se presentan en filetes finos, son máis idóneas para outro tipo de elaboracións (á prancha, rebozadas, con certos mollos etcétera).

Sexa cal for a opción elixida, comeza o guiso dourando o polo nunha cazola cun chisco de aceite de oliva, sal e pementa. Deixa que colla algo de cor pola parte de fóra, pero non te preocupes se as pezas máis grandes (como as coxas) non se cociñan completamente no centro: xa terán tempo de acabar de facerse ao engadir o resto de ingredientes e o mollo.

Que verduras podo incorporar?

Ao prepararmos un guiso, hai dúas verduras básicas que non podemos esquecer: a cebola e o allo. Esta parella é fundamental para conseguir un prato con sabores intensos.

Unha vez dourado o polo, retírao e engádelle a cebola e o allo na mesma cazola cun chisco de aceite. Refógaos ata que a cebola quede translúcida e o allo tenro. Nese momento, podes engadir o resto das verduras.

A selección de vexetais é bastante libre á hora de preparares os teus guisos: pódela personalizar segundo o que teñas en cada momento na neveira ou o que estea dispoñible en cada tempada. Algunhas verduras que funcionan de marabilla nos estufados de polo son a cenoria, o pemento (vermello ou verde), a cabaciña, os cogomelos e as ervellas.

Incorporar patacas tamén é unha grande idea, xa que contribúen a equilibrar o prato grazas á súa contribución calórica. Ademais, é unha boa forma de darlle máis consistencia ao guiso e de aumentar o volume de xeito sinxelo e económico.

Lémbrate de cortar todas as verduras cun tamaño semellante. Un truco para asegurarte de que todas as verduras se cociñen adecuadamente e queden tenras é ter en conta o seu tempo de cocción: as cenorias e os pementos normalmente queren máis tempo ca a cabaciña e os cogomelos, por exemplo.

Completa o menú coas mellores gornicións

O guiso de polo vaise converter no prato estrela do día, pero talvez queiras preparar algunha gornición para acompañar e completar o menú. Velaquí tes as nosas dúas suxestións: ben unha ensalada se buscas unha opción lixeiriña, ben un arroz ou cereal integral se desexas algo máis contundente.

Unha boa ensalada componse, basicamente, de tres elementos: unha base de follas verdes, os toppings que máis che gusten e un aderezo rico. Como base, podes escoller a clásica leituga ou optar por outras alternativas como as espinacas, a herba dos cóengos ou a rúcula. Os toppings permítennos ser creativos: tomates, aguacate, cebola, froitos secos, queixo… Lembra que, neste caso, non é preciso que inclúas ingredientes proteicos (como o atún ou algún tipo de carne), xa que o propio polo do guiso nos vai dar os nutrientes necesarios. Para rematar, aconsellámosche elixir un aderezo sinxelo a base de sal, aceite de oliva e vinagre para non eclipsar o sabor do estufado.

Se, pola contra, buscas unha gornición que che dea un extra de calorías e enerxía, o arroz branco ou outros cereais como a quinoa ou o bulgur son unha alternativa estupenda. Só tes que cociñalo con auga ou caldo de verduras: o sabor vaicho dar o estufado!

Con todos estes consellos, xa estás listo para preparares uns magníficos guisos. E, por suposto, se queres innovar e elevar o nivel dos teus pratos, sempre te podes inspirar nas suxestións de receitas que podes atopar na nosa web. Bo proveito!