O que non che pode faltar na despensa neste Nadal

Falta cada vez menos para o Nadal: puxeron as luces nas rúas, no supermercado xa tes o teu turrón favorito, e pode que mesmo se che metese na cabeza algunha que outra panxoliña.

É normal que esteas comezando a planificar o Nadal: pór a árbore, o belén, organizar o calendario de xuntanzas familiares… E, como non, escoller un bo menú de Nadal. Xa se che fai costa arriba e aínda non comezaron as festas?

Neste artigo ímosche dar unhas poucas claves para manteres o equilibrio durante este Nadal. Parece unha tarefa imposible, pero pódese lograr. Contámosche que é o que non pode faltar na despensa para desfrutares comendo, pero sen deixar de coidarse.

Desfruta das festas de Nadal

Para comezar, tes que ter claro que as comidas de Nadal son para gozar. Non pasa nada por pasarse cos doces ou cos aperitivos: durante as festas todos facemos excepcións coa dieta.

Obviamente, non sería san vivir todo o ano a base de enchedelas coma as de Noiteboa, Nadal, Noitevella ou Reis, pero podemos permitírnolo porque se trata de ocasións especiais.

Así e todo, é certo que estas datas sinaladas están todas moi xuntas no calendario, conque é máis que probable que acabemos con empachos, dixestións pesadas e algún que outro quilo de máis que nos acompañará durante a costa de xaneiro.

Planifica un menú equilibrado

O mellor xeito de evitares todo isto consiste en planificar un menú de Nadal equilibrado. Aconsellámosche planear a secuencia de pratos de maneira que estes engloben unha proporción axeitada dos nutrientes que o noso organismo precisa.

Ten en conta as cantidades: se serves moitos canapés, os teus convidados non van ter fame cando pasedes ao prato principal. É mellor comer de todo en pequenas cantidades ca recuncar moitas veces do mesmo. 

Asegurámoscho: podemos elaborar un menú igual de exquisito tendo en conta a cantidade de hidratos, proteínas e graxas que imos consumir.

Alimentos que non che poden faltar na despensa

Os froitos secos teñen incontables beneficios para a saúde, conque son unha opción óptima para combinar cos queixos durante o aperitivo, por exemplo. Así evitamos os produtos fritidos e os procesados. 

E non te esquezas de preparar unha boa ensalada! Tanto os comensais coma a vosa dixestión agradecerán que inclúas verduras no menú. A cabaza, o allo porro, a espinaca e a coliflor son algunhas das hortalizas invernais con que poderás crear suculentos pratos.

Aconsellámosche non excederte cos embutidos durante os entrantes se despois vas ofrecer un asado ou outro tipo de carne. O recomendable é alternar os tres macronutrientes (proteínas, hidratos de carbono e graxas) de maneira equilibrada. 

Pasemos ao prato principal. O polo sempre é unha boa opción, tanto ao forno como nun caldo de Nadal: é unha carne magra e gustosa, pouco graxa e de moi fácil dixestión, que nos proporciona proteínas, vitaminas e minerais de gran calidade, e combina moi ben con todo tipo de verduras. Ademais é moi versátil, conque podes elaborar unha infinidade de receitas de Nadal co polo como protagonista.

Cando chegue o momento da sobremesa, lémbrate de ofrecer froita ao lado dos obrigados turróns. Os cítricos son moi dixestivos e axudan a mellorar o tránsito intestinal tras as fartas do Nadal. 

A mandarina é unha froita de tempada ideal para presentar como sobremesa despois dun bo festín grazas ao seu pequeno tamaño e os seus numerosos beneficios nutricionais. Tamén te podes animar a elaborar un sorbete de froitas para servires entre o prato principal e os doces.

Un truco visual para dispor dunha boa variedade de nutrientes na túa mesa é que haxa cor no menú de Nadal. Canta máis diversidade de cores, máis tipos de vitaminas e minerais esenciais estarás a combinar.

A importancia de hidratarse ben

Este punto sempre é fundamental, pero aínda máis durante as festas de Nadal, cando nos ofrecen toda clase de bebidas alcohólicas e carbonatadas: bebe auga en abundancia. As infusións tamén te van axudar a mellorar a dixestión.

Conque xa sabes: planifica ben as receitas que van conformar o teu menú de Nadal para evitares un exceso de proteína, hidratos ou graxas; engade sempre opcións a base de verduras frescas e froita, come de todo en pequenas cantidades, hidrátate moito e, sobre todo, goza das festas!