Os minerais, necesarios na nosa alimentación
Os minerais son nutrientes esenciais para o organismo: constrúen, manteñen e regulan as funcións corporais nos ósos, no corazón, no cerebro, nas hormonas… Sen eles, os nosos órganos non poderían desempeñar as súas funcións vitais, tal como acontece coas vitaminas. Trátase de nutrientes que o corpo humano precisa en cantidades relativamente pequenas en comparación cos macronutrientes (proteínas, hidratos de carbono), e por iso se consideran micronutrientes.
O noso corpo non sintetiza todos os minerais que coñecemos, de xeito que temos que conseguilos a través da alimentación. O primeiro paso para levar un estilo de vida saudable e atoparnos ben consiste, por tanto, en seguir unha dieta variada e equilibrada.
Incluír alimentos con proteínas de alto valor biolóxico na nosa dieta e, en concreto, o polo, é todo un acerto, xa que este contén minerais como ferro, fósforo, selenio e potasio, necesarios para o bo funcionamento muscular, hormonal e inmunitario.
Os minerais teñen un papel moi importante na nosa saúde e desempeñan funcións no organismo tales como a función muscular, hormonal, encimática, o transporte de osíxeno etcétera. Así e todo, tanto a falta coma o exceso destes minerais tamén son prexudiciais para a saúde. O mellor é atopar o equilibrio na nosa dieta e consumirmos alimentos nutritivos que nos manteñan sans.
Tipos de minerais
Existen dous tipos de minerais: os macrominerais (calcio, fósforo, magnesio, sodio, potasio, cloro, xofre…) e os oligoelementos ou microminerais (ferro, cinc, flúor, cobre, selenio, iodo…). Como indica o seu nome, necesitamos consumir máis cantidade de macrominerais, pero o consumo de oligoelementos tamén é indispensable para a saúde. A seguir contámosche para que serven algúns dos minerais máis comúns e que alimentos os conteñen!
Magnesio
É esencial para recuperar a enerxía vital porque está presente en todos os tecidos do corpo (sobre todo nos ósos) e participa na actividade de moitas encimas. Nunha dieta variada abonda o consumo de magnesio, xa que o atoparemos en todo tipo de alimentos: vexetais, froitas, froitos secos, legumes, cereais, tofu… E un consello para os máis larpeiros: o chocolate negro dálle unha boa dose de magnesio ao noso organismo.
Calcio
É indispensable para a formación e mantemento de ósos e dentes, pero tamén regula os nervios, a tonificación muscular e a coagulación sanguínea. O consumo de calcio é especialmente importante en nenos, embarazadas e mulleres lactantes. Atopámolo nos lácteos, pero tamén nos vexetais de folla verde como o brócoli ou a col, e mais nos froitos secos.
Potasio
Entre as súas funcións está a de regular a auga do noso organismo. O consumo de alimentos ricos en potasio é fundamental para o funcionamento normal das células, os nervios e os músculos. Seguro que xa sabes que o plátano contén potasio, pero tamén o vas encontrar noutras froitas e verduras (espinacas, uvas, amoras, cenorias, patacas, laranxas, aguacates…) e no polo.
Ferro
É o encargado de transportar o osíxeno ás células. O déficit de ferro é o máis común e pode producir anemia. O consumo de ferro é moi necesario en nenos, mulleres en idade fértil e embarazadas. Está presente na carne (sobre todo no fígado), no polo, na xema do ovo, nos vexetais de folla verde e nos legumes.
Cinc
Se queremos ter un sistema inmunitario forte, é importante coidarmos o consumo de cinc. Este mineral, a través dos glóbulos vermellos, axuda a transportar o dióxido de carbono dos tecidos aos pulmóns. Tamén desempeña un papel na cicatrización das feridas. Atopámolo na carne, no polo, no peixe, no ovo, nos lácteos e nos mariscos.
Como ves, se mantemos unha dieta variada e equilibrada, adquiriremos os minerais que precisamos sen decatarnos. Procura evitar os alimentos fritidos e os azucres refinados, pois provocan un gasto esaxerado de minerais esenciais na dixestión.