Que comer despois das vacacións?

As ceas cos amigos, os días de praia, a ilusión de facer as maletas antes dunha viaxe… Quedan poucas semanas de verán e, para a maioría, todas estas cousas xa forman parte do pasado. Coa chegada de setembro volven a rutina, as madrugas e as longas xornadas de traballo que, irremediablemente, nos consomen boa parte da enerxía.

Aínda que durante o resto do ano tamén é importante levarmos unha boa dieta, neste mes é vital para que o retorno nos sexa máis levadío e recuperemos un estilo de vida saudable se é o caso de que nos relaxamos durante as vacacións. Por tal motivo, en Bon Pollo preparamos un artigo con varios consellos de alimentación para que despois das vacacións a costa de setembro sexa o máis suave posible.

A froita e a verdura, no centro

Para levarmos unha boa alimentación é imprescindible que a froita e a verdura sexan a base da nosa dieta. Non hai escusa para deixarmos fóra estes alimentos, pois a súa longa lista de beneficios é razón dabondo para incluílos en cada comida.

Alén de contribuíren ao noso benestar físico, a froita e a verdura tamén axudan ao noso benestar mental, conque son esenciais na volta á rutina.

Por outro lado, no crecemento e desenvolvemento da rapazada desempeñan un papel fundamental. Tal como indica a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura no seu informe Froitas e verduras, esenciais na túa dieta, son ricas en vitamina A, calcio, ferro e ácido fólico (entre outras moitas propiedades). Non esquezas introducilas no menú dos máis pequenos! Para iso, propómosche o seguinte: zanquiños de polo con sandía e queixo feta.

O polo, unha das opcións máis sas

Aínda que os vexetais son a base de toda dieta, recomendamos que a alimentación sexa variada e conteña diferentes nutrientes. Iso significa que podemos incluír carne, e unha das máis saudables é a de polo. É magra e con pouca graxa, e ademais presenta outros moitos beneficios.

Unha opción moi boa é a ensalada de polo con paínzo, figos e queixo. Coa rúcula e os figos obteremos todo o positivo dos vexetais, mentres que a carne desta ave nos vai dar diferentes nutrientes moi valiosos para a nosa vida cotiá.

Ademais, o polo contén riboflavina (vitamina B2). Esta substancia é fundamental para reducir os problemas cutáneos, conque é de grande axuda se durante estes meses de verán estivemos moitas horas expostos ao sol.

Os legumes como fonte de ferro

Se falamos de que é esencial ter enerxía para lle facermos fronte á rutina, non podemos esquecer o ferro na nosa dieta. E cal é a gran fonte deste mineral? Os legumes. Lentellas, garavanzos, ervellas, feixóns verdes… todas son unha magnífica opción para manter o corpo coa vitalidade suficiente.

Mais a lista de beneficios dos legumes vai moito máis alá, xa que tamén poden diminuír o risco de cardiopatías, fortalecen os ósos, son unha boa fonte de antioxidantes e vitaminas… Sen dúbida, todo un acerto se as incorporamos na nosa dieta.

Ademais, agora que o verán está para rematar e van vir os días de frío, os pratos de culler son unha opción moi apetecible. Unha das receitas máis típicas da nosa gastronomía é o cocido. Aínda que en cada lugar se elabora dunha forma diferente, todas elas teñen en común un ingrediente principal: os legumes. Por iso, desde Bon Pollo propómosche o cocido galego, unha elaboración fantástica para enchernos de enerxía no outono.

Os froitos secos, o aperitivo perfecto

Outro alimento imprescindible na nosa dieta son os froitos secos. Son deses alimentos que sempre estamos dispostos a comer, nunca nos causan preguiza. Constitúen unha boa alternativa como aperitivo para picar entre horas, tanto na casa como na oficina.

Ademais, neles podemos atopar unha longa lista de nutrientes: ácidos graxos, proteínas de alta calidade, fibra, vitaminas, minerais e substancias con propiedades anticanceríxenas, antiinflamatorias e antioxidantes.

Entre os nosos froitos secos preferidos están as noces, os pistachos e as améndoas. Non só polo sabor, senón porque son beneficiosas para a saúde, xa que son unha fonte excelente de graxas saudables e proteínas, e tamén axudan na prevención de doenzas do corazón e do cancro.

Aínda que non vaia calor, hidrátate

Ás veces pode parecer que a hidratación é moito máis importante no verán ca no inverno. E, obviamente, nos meses de calor estamos expostos a condicións máis extremas que, entre outras cousas, fan que perdamos unha maior cantidade de líquido debido á suor. Con todo, este é un factor que nunca podemos descoidar: sexa a estación que sexa, sempre debemos estar hidratados.

En Bon Pollo propomos unha serie de alimentos que nos axudarán a manternos hidratados, máis alá da típica recomendación de aumentar o consumo de auga. Malia que este artigo está pensado para o verán, algúns dos produtos que aparecen na lista podemos adquirilos durante todo o ano, como é o caso do tomate, a leituga ou as espinacas.

Mais nesta cuestión non son só importantes os alimentos, senón que tamén desempeñan un papel primordial os nosos hábitos. Evitar as bebidas azucradas, controlar o consumo de alcohol ou cociñar sopas son algunhas das opcións para estarmos hidratados.

A actividade física, vital na vida cotiá

Pero de pouco valen todos estes consellos alimentarios se non os combinamos coa actividade física. Como sinala a Organización Mundial da Saúde (OMS), é aconsellable que os adultos realicen entre 150 e 300 minutos de exercicio aeróbico á semana, independentemente de se padecen afeccións crónicas ou discapacidade.

Segundo este organismo, levar a cabo unha actividade física regular é «fundamental para previr e axudar a manexar as cardiopatías, a diabetes de tipo 2 e o cancro». Pero non só iso, pois indica que tamén é moi recomendable «para reducir os síntomas da depresión e a ansiedade, diminuír a deterioración cognitiva, mellorar a memoria e potenciar a saúde cerebral».

Por iso, aínda que a base de todo debe ser unha dieta equilibrada, hai que combinala con exercicio físico para levar un estilo de vida totalmente saudable. E, por suposto, evitando substancias nocivas como o tabaco ou o alcohol.

Come ben e móvete!

Como xa quedou dito ao longo do artigo, a clave é que a nosa dieta sexa equilibrada. Por iso debemos incluír froitas, verduras, froitos secos, legumes e carne de polo. Estes alimentos vannos achegar proteínas, graxas saudables e diferentes nutrientes, todos eles necesarios para o correcto funcionamento do noso organismo.

Ademais, hai que complementar a dieta con exercicio físico, que será imprescindible tanto para o noso benestar físico como mental e para a prevención de moitas doenzas.

Se pos en práctica todos estes consellos, terás enerxía de sobra para afrontares o regreso das vacacións, e a costa de setembro non che vai parecer para tanto!

E se quedaches sen ideas para cociñar… bótalles un ollo a todas as nosas receitas e renova os teus menús con vistas ao novo curso.