Que comer despois dos excesos do Nadal
Pavo reenchido, canelóns, salsas, aperitivos, tortas, turróns, cócteles… Os caprichos das festas sonche irresistibles. Tan irresistibles que nos poden desviar dos nosos obxectivos e dunha dieta equilibrada.
Se ese foi o teu caso, non te preocupes, non es o único: as festas baséanse en tradicións e en xuntarse con familiares e amigos, a miúdo para desfrutar de xantares deliciosos e, hai que admitilo, algo excesivos.
Co ano novo, en cambio, chega a hora de pensarmos nos nosos propósitos e na nosa alimentación. Se queres volver a unha rutina máis saudable para o teu corpo e mente, atende os seguintes consellos.
Dietas agresivas? Non, grazas.
Dado que nas festas consumimos máis caprichos que de costume, é frecuente que, entre os propósitos para o novo ano, incluamos unha dieta agresiva coa cal esperamos compensar os excesos.
Porén, os expertos advirten de que as dietas de adelgazamento drásticas poden conducir a “problemas de saúde moi graves se para conseguila se empregan métodos pouco recomendables e nada saudables”, segundo afirma Ana Sánchez Fernández, viceconselleira de asistencia sanitaria no informe “Dietas y productos mágicos” da Fundación Española de la Nutrición e o Instituto de Nutrición e Trastornos Alimentarios.
Ademais, se restrinximos o que comemos de maneira estrema, é moi probable que caiamos no efecto rebote tras certo tempo. Isto é, talvez consigamos seguir a dieta estritamente durante as primeiras semanas ou meses do ano, pero é habitual que, nun momento de debilidade ou cansazo, acabemos volvendo aos nosos antigos costumes e comamos aínda máis e peor que o que fariamos normalmente.
Bendita normalidade
Por tanto, os nutricionistas parecen suxerir que o mellor para despois das festas é volvermos á rutina para restablecer os padróns alimentarios que seguimos durante todo o ano.
Unha vez que temos o corpo afeito de novo a funcionar sen os excesos de decembro, poderemos comezar a incorporar cambios cara a unha dieta e un estilo de vida máis saudables.
Sigue os consellos da avoa: come variado e inclúe moita froita e verduras.
Sabemos que este consello non vai sorprender a ninguén, mais o certo é que a sabedoría popular, neste caso, ten razón: o mellor para restablecermos unha dieta equilibrada é consumir alimentos completos e variados, evitar os produtos ultraprocesados e aumentar a inxestión de froitas e verduras.
Se che custa facelo de xeito natural, unha grande idea pode ser preparar un menú semanal, ou mesmo probar a técnica do meal prep: consiste en cociñar dunha soa vez todos os pratos para a semana (ou, polo menos, adiantar boa parte do traballo) para así aforrar tempo durante os días seguintes.
Deste xeito, terás que pensar con anterioridade que queres comer e mercar soamente os ingredientes necesarios (o que, por certo, tamén lle vai ir ben ao teu peto e reducirá o estrago de alimentos). Ademais, se tes un prato saudable e delicioso listo para quentar e comer, será menos probable que recorras a opcións precociñadas e ultraprocesadas.
Recarga as pilas con proteína e fibra, e bebe auga!
No regreso a unha alimentación equilibrada, a proteína e a fibra, alén das graxas saudables en moderación, son fundamentais. Vante axudar a conter as ansias de comer e a manter un peso saudable.
Ademais, a proteína vaite axudar a aumentar a masa muscular e a forza, vai acelerar o teu metabolismo, vai contribuír a queimar graxas e vaiche reducir a presión sanguínea. A fibra, pola súa parte, fomenta o bo desenvolvemento da microbiota intestinal, equilibra os niveis de colesterol e prevén os picos de glicosa, o cal reduce o risco de diabetes.
Lembra tamén que beber abundante auga é imprescindible para metabolizar os carbohidratos e o sodio (o sal) que consumimos en exceso durante os últimos días.
Non esquezas o almorzo
En realidade, este consello serve para todos os días do ano e non só para estas datas.
Un bo almorzo, idealmente nos primeiros 30 minutos despois de erguerse, énchete de enerxía para encarar o día. Ademais tamén mellora a memoria e a concentración, así como a motivación, tan importantes para a volta ao traballo.
Pola contra, saltar o almorzo está relacionado cun risco maior de exceso de peso, co debilitamento do sistema inmunitario e con alteracións emocionais.
Por tanto, lembra: un bo almorzo debe incluír proteínas de calidade, graxas saudables, froitas (ou verduras) e, opcionalmente, cereais integrais.
Busca opcións saudables para picar
É habitual que, despois das festas, o corpo nos pida andar a picar entre horas e que nos apeteza recorrer a opcións menos saudables.
Por suposto, sempre podemos picar unha peza de froita e outros snacks como o hummus con tiriñas de cenoria, aínda que se acabas escollendo unha opción con moitos azucres e carbohidratos, atento a este truco sorprendente.
Podes combinar os snacks con fontes de graxa saudables, como os froitos secos, as sementes ou o aguacate. Ironicamente, as graxas saudables frean o proceso polo que o azucre nos chega ao sangue e evitan que se xeren picos de azucre, o que axuda a queimalo e a que non se nos almacene como graxa no corpo.
Que facer coas sobras das festas?
Se aínda tes restos dos grandes banquetes do día de Reis ou Aninovo, por exemplo, é probable que sintas a tentación de seguir comendo eses pratos durante os vindeiros días.
En vez diso, proba a conxelar algunhas racións para aproveitalas ao longo do ano. Asegurámosche que o pavo reenchido ou mesmo a tableta de turrón que gardas no armario sen encetar van saber moito mellor dentro duns meses que co empacho actual!
Esperamos que estes consellos te axuden a retomar os bos costumes e, pouco e pouco, ir restablecendo unha alimentación saudable. Iso si: coma sempre, non te nos obsesiones e céntrate en manter un equilibrio entre a dieta e o teu propio benestar físico, mental e emocional.
Feliz ano novo!