Hoxe imos preparar unha receita clásica, sinxela e de toda a vida: albóndegas de polo en salsa de verduras, coma as da avoa. Non hai nada como a comida caseira e preparada con cariño!
Cociñar na casa permítenos controlar os ingredientes, escoller alimentos máis saudables e personalizar os pratos segundo as nosas necesidades e gustos. Ademais, se o facemos en compañía dos nosos seres queridos, convértese unha forma marabillosa de compartir tempo de calidade e desfrutar tanto da preparación como do resultado final.
Anímaste a probar estas ricas albóndegas de polo? Deixámosche aquí a receita completa, e no noso perfil de Instagram atoparás a versión en vídeo!
Elaboración
- Picar a cebola, o allo e a cenoria en dados pequenos (brunoise).
- Cortar e picar os escalopes de polo.
- Mesturar nun cunco a carne de polo picada, o ovo batido, o leite, o pan relado, unhas follas de perexil picadas e un chisco de sal e pementa.
- Elaborar as albóndegas: coller un pouco da masa anterior e bolear.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e marcar as albóndegas de polo a lume medio. Retirar.
- Na mesma tixola, rustrir a cebola, o allo, a cenoria e unhas follas de loureiro a lume medio. Salpementar.
- Desglasar co viño branco e engadir a salsa de tomate. Cociñar durante 2-3 minutos.
- Engadir as albóndegas de polo e o caldo. Mesturar e cocer durante 20-25 minutos a lume medio.
- Para empratar, servir as albóndegas de polo en salsa de verduras nun prato e botarlle un chisco de perexil picado por riba. E non esquezas as rebandas de pan para acompañar este delicioso prato!