Aliñas de polo ao limón

Ingredientes para 4 persoas

600 g de aliñas de polo Bon Pollo
1 cebola
2 dentes de allo
2 limóns
4 g de xenxibre fresco
50 g de améndoas
20 g de fariña
500 ml de caldo de polo
60 ml de viño branco
Follas de loureiro
Perexil fresco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Encántannos as receitas que, partindo de ingredientes sinxelos, obteñen pratos innovadores e sorprendentes. Ese é, precisamente, o punto máis forte da nosa proposta de hoxe: unhas deliciosas aliñas de polo ao limón.

A receita é ben sinxela: cocíñanse todos os ingredientes nunha soa cazola e apenas en media horiña. O resultado, en cambio, é moi sofisticado e orixinal grazas ao matiz fresco do limón e do xenxibre e o sabor profundo das améndoas.

Se buscas un prato aquelado e saudable, con estas aliñas ao limón vas triunfar fixo!

Elaboración

  1. Pelar e picar a cebola, os allos e o xenxibre en dados moi pequeniños (brunoise). Reservar.
  2. Relar a pel e espremer o zume dos limóns. Reservar.
  3. Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar as aliñas de polo cunhas follas de loureiro a lume medio. Salpementar e retirar.
  4. Na mesma cazola, rustrir a cebola, os allos e o xenxibre a lume medio. Salpementar.
  5. Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
  6. Incorporar a fariña, mesturar e deixar a cociñar durante un par de minutos a lume medio.
  7. Verter o caldo de polo quente, sen deixar de remexer, e cocer durante un par de minutos.
  8. Incorporar entre 80 e 100 ml de zume de limón (ao gusto) e cociñar durante 10 minutos a lume medio.
  9. Engadir as aliñas de polo, as améndoas e a reladura de limón. Cocer durante 10-15 minutos a lume baixo e tapado co testo.
  10. Para empratar servir as aliñas de polo ao limón nun prato, engadir unhas rodas de limón e botarlle por riba unhas follas de perexil picadas.