Aliñas de polo ao mel

Ingredientes para 4 persoas

400 g de aliñas de polo
3 cebolas medianas
25 ml de viño branco
200 ml de vinagre de cava
100 g de mel
50 g de orellóns deshidratados
40 g de pasas deshidratadas
35 g de arandos deshidratados
20 g de piñóns
Perexil
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

As aliñas de polo, un dos cortes máis socorridos para as barbacoas, son un bocado exquisito e saboroso para calquera padal. Existen moitas formas de preparalas, mariñalas e adubalas, e desde Bon Pollo ímosche explicar unha delas cuxo sabor e contrastes son exquisitos. A dozura da salsa radica na mestura do mel, os froitos secos e as froitas deshidratadas, entre elas os orellóns, as pasas e os arandos. Xa estás a imaxinalo, non si? Un prato para lamber o bico!

Elaboración

  1. Salpementar as aliñas e cociñar nunha tixola ata que estean douradas. Reservar.
  2. Picar as cebolas á brunoise (dadiños de entre 2 e 3 mm). Quentar o aceite de oliva nunha tixola e rustrir as cebolas.
  3. Engadir o viño branco e reducir. Reservar.
  4. Nunha ola, quentar o vinagre de cava co mel. Mesturar ata obter unha salsa homoxénea.
  5. Engadir os froitos deshidratados e un chisco de sal. Cociñar a salsa a lume medio ata que se reduza á metade e os froitos deshidratados estean brandos. Se a salsa queda un pouco espesa, engadirlle unha pouca auga mineral.
  6. Agregar as aliñas e a cebola rustrida e deixar que acabe de cociñarse todo xunto durante un par de minutos.
  7. Torrar os piñóns nunha tixola.
  8. Servir as aliñas de polo coa salsa de mel, os piñóns torrados e o perexil picado por riba.

Se che gusta acompañar o polo con ingredientes que lle engaden dozura á carne, debes probar estas coxas de polo con uvas e froitos secos.