Alitas de pollo con salsa barbacoa casera

Aliñas de polo con salsa barbacoa caseira

Ingredientes para 4 persoas

24 aliñas de polo partidas de Bon Pollo
1 feixe de kale fresca
1 cebola
200 g de tomate natural triturado
15 g de mostaza
30 g de azucre panela
30 g de mel
30 ml de salsa ketchup
15 ml de salsa de soia
15 ml de vinagre
30 ml de salsa Perrins
15 g de pemento doce afumado en po
Tabasco
Sésamo branco
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Alitas de pollo con salsa barbacoa casera

As aliñas son unha das partes máis saborosas do polo, e aínda máis se se preparan cunha salsa barbacoa caseira e se serven con chips de kale crocante. Garda ben esta receita porque vas querer repetila durante todo o verán!

A clave para que as aliñas che absorban o sabor da salsa está en deixalas a macerar toda a noite. Ao outro día, só terás que metelas ao forno: grazas á mariñada, o polo vaiche quedar moi saboroso sen necesidade de fritilo en aceite.

Para rematar, recomendámosche completares este prato cunhas chips de kale crocantes, moi doadas de preparar. Limpa as follas e prepáraas no forno cun chorriño de aceite. Éche unha forma orixinal e deliciosa de incorporar máis verduras na dieta.

Ao empratar, bótalles por riba un chisco de sésamo e xa está. Bo proveito!

Elaboración

  1. Pelar e cortar a cebola en dados pequenos (brunoise). Reservar. 

  2. Quentar un chisco de aceite nun cazo e caramelizar a cebola a lume medio. Salpementar. 

  3. Incorporar o azucre e cocer durante un par de minutos.

  4. Engadir o tomate natural triturado e refogar durante 10 minutos a lume medio-baixo. 

  5. Incorporar a mostaza, o mel, a salsa Perrins, o ketchup, a salsa de soia, o vinagre, o pemento en po, un chisco de pementa negra e unhas pingas de Tabasco. Cocer durante 10 minutos a lume baixo, remexendo. Rectificar ao gusto, deixar a arrefecer e triturar cun procesador de alimentos. 

  6. Salpementar as aliñas de polo partidas nun cunco. 

  7. Incorporar a salsa anterior, mesturar e adubar na neveira, tapada con filme, durante toda a noite.

  8. Prequentar o forno a 180 °C e deixar temperar as aliñas fóra da neveira. 

  9. Meter ao forno as aliñas de polo durante 45-50 minutos a 180 °C, dándolles a volta a metade da cocción. Reservar. 

  10. Lavar, escoar ben e cortar as follas de kale en anacos medianos. 

  11. Estender as follas sobre a bandexa de forno con papel vexetal e engadir un chorriño de aceite. 

  12. Meter a kale ao forno durante 8-9 minutos a 180 °C controlando os últimos minutos para que non se che queimen. Botar sal. 

  13. Para empratar, servir nun prato as aliñas de polo con salsa barbacoa caseira e as chips de kale. Botarlle por riba un chisco de sésamo branco.