Arroz caldoso de polo

Ingredientes para 4 persoas

1 polo de Bon Pollo despezado
1 cebola
2 dentes de allo
1 pemento vermello
1 pemento verde
4 alcachofas
100 g de ervellas
320 g de arroz bomba
30 g de concentrado de tomate
1,5 L de caldo de polo
Febras de azafrán
Pemento en po doce
Perexil fresco
Loureiro
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

2 moldes individuais

O arroz é un dos ingredientes más básicos da nosa despensa, mais tamén pode servir para algúns dos pratos máis gorentosos da nosa gastronomía.

Con esta receita poderás preparar en só unha hora un irresistible arroz caldoso de polo que vai sorprender a todos os teus comensais. En Bon Pollo empregamos pementos, alcachofas e ervellas, pero tamén podes escoller as verduras que máis che gusten.

Non esquezas deixar repousar o arroz durante 5 minutos antes de servir para que todos os sabores acaben de combinarse e asentarse. A desfrutar!

Elaboración

  1. Pelar e picar a cebola e os allos en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  2. Lavar e picar os pementos (retirando as partes brancas e as sementes) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
  3. Pelar e partir as alcachofas en oitavos. Reservar nun cunco con auga fría e follas de perexil na neveira.
  4. Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar os anacos de polo cunhas follas de loureiro a lume medio. Salpementar e reservar.
  5. Na mesma tixola, rustrir a cebola e os allos a lume medio. Salpementar.
  6. Incorporar os pementos e as alcachofas. Refogar durante 5 minutos.
  7. Engadir o concentrado de tomate e un chisco de pemento en po.
  8. Incorporar o polo en anacos e o arroz. Mesturar e cocer durante un par de minutos a lume medio (nacarar o arroz).
  9. Engadir o caldo, as ervellas e as febras de azafrán. Cociñar durante 15 minutos a lume medio.
  10. Apagar o lume e deixar repousar o arroz durante 5 minutos.
  11. Para empratar, servir o arroz caldoso de polo nun prato fondo e botarlle por riba un pouco de perexil picado.