
Ao ser un prato tan rico e doado de preparar, non sorprende a cantidade de receitas que podemos atopar de berenxenas reenchidas.
Se queres dar coa forma para que o recheo quede especialmente saboroso e che resulte máis contundente, con máis contido nutritivo, propómosche esta versión na cal combinamos verduras e polo. Sen dúbida, unha das nosas preferidas.
Unha vez teñas as berenxenas reenchidas con todo o rustrido de verduras e polo, engádelle un pouquiño de queixo de tetilla por riba e méteo a gratinar no forno durante 2-3 minutos. O resultado final vaiche encantar!
Se es fan das berenxenas, deixámosche por aquí un delicioso paté de polo con berenxena e laranxa, o mellor aliado en calquera cea que teñas que preparar para amigos.
Elaboración
- Prequentar o forno a 200 °C.
- Lavar, secar e partir as berenxenas pola metade ao longo. Realizar uns cortes en diagonal na carne, sen chegar á pel, e engadir un chorriño de aceite, sal e pementa.
- Meter ao forno as berenxenas durante 15-20 minutos a 200 °C, quitarlles a polpa e picala. Reservar.
- Cortar os filetes de peituga de polo en tiras medianas. Reservar.
- Pelar e picar a cebola, o allo porro, os allos e a cenoria en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Lavar e picar o pemento vermello (sen as partes brancas nin as sementes) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Relar os tomates. Reservar.
- Picar o queixo de tetilla en dados medianos. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite e fritir as tiras de polo a lume medio. Salpementar e reservar.
- Na mesma tixola, engadir un pouco máis de aceite e rustrir a cebola co allo porro e os allos a lume medio.
- Desglasar coa metade de viño tinto e salsa de soia. Subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar a cenoria e o pemento vermello. Refogar durante 6-8 minutos a lume medio.
- Engadir a polpa da berenxena, os tomates, o polo, o viño e a salsa de soia restante, e mais unhas ramas de tomiño. Mesturar e cocer durante 10-15 minutos a lume medio-baixo.
- Reencher as berenxenas co rustrido anterior en engadirlle o queixo de tetilla.
- Gratinar as berenxenas durante 2-3 minutos a 250 °C.
- Para empratar, servir as berenxenas reenchidas de polo e verduras nun prato e botarlle un pouco de ceboliño por riba.
Gustouche a receita? Pois bota un ollo pola nosa web para atopares as opcións que máis che apetezan.