Blanquetas ao curry con mazá e brócoli

Ingredientes para 4 persoas

2 bandexas de blanquetas de Bon Pollo
2 cebolas
3 mazás Granny Smith
1 brócoli
1 limón
300 ml de caldo de verduras
100 ml de leite enteiro
30 g de crème fraîche
75 ml de viño branco
Curry en po
Cúrcuma en po
Noz moscada en po
Perexil fresco
Sésamo negro
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Como nos gorenta a comida india! Atención á receita de hoxe, blanquetas ao curry con mazá e brócoli, porque é diferente de calquera curry que teñas probado ata o de agora.

No verán, o corpo pídenos elaboracións máis lixeiras. Apetecíanos un prato cheo de froita e verdura, e do antollo naceu esta versión das blanquetas ao curry.

O brócoli é un dos ingredientes estrela de calquera curry digno de tal nome, conque había que incluílo na elaboración. Coa mazá arriscamos un pouquiño máis, pero sen dúbida que valeu a pena. E non esquecemos as nosas saborosas blanquetas de polo! O resultado é un prato especiado, como debe ser, pero cun toque doce e un acedume refrescante e sorprendente.

Elaboración

  1. Pelar e picar as cebolas en dados medianos (mirepoix). Reservar.
  2. Relar a pel e espremer o zume do limón. Reservar por separado.
  3. Lavar e picar dúas mazás en dados medianos (mirepoix), e a terceira mazá, en cuarteiróns. Reservar na neveira cun chisco de limón para evitar que se oxiden.
  4. Lavar e cortar as inflorescencias do brócoli. Reservar.
  5. Escaldar en auga a ferver con sal algunhas das inflorescencias pequenas do brócoli durante uns segundos. Parar a cocción con auga e xeo e reservar para a decoración final do prato.
  6. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir as cebolas (sen que collan cor) a lume medio.
  7. Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
  8. Incorporar as mazás picadas en mirepoix e as inflorescencias do brócoli. Refogar durante 5 minutos a lume medio.
  9. Incorporar o curry, a noz moscada, a cúrcuma en po e a reladura de limón ao gusto. Salpementar e mesturar.
  10. Engadir o caldo, a crème fraîche e o leite. Cocer todo xunto durante 10 minutos a lume medio.
  11. Triturar a elaboración anterior cun procesador de alimentos ata obter un mollo homoxéneo e liso. Reservar.
  12. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cociñar as blanquetas de polo cun chisco de perexil picado a lume medio. Salpementar.
  13. Para empratar, trazar un círculo co mollo de curry con mazá e brócoli e colocar as blanquetas de polo ao redor. Decorar cos cuarteiróns da mazá, as inflorescencias do brócoli e un pouquiño de sésamo negro.

¿Buscas outras receitas de curry? Este wok de polo ao curry está feito para ti.