
Hai receitas que teñen a capacidade de reconfortar a alma nos días máis fríos. É o caso da nosa elaboración de hoxe: blanquetas (ou blanquettes) de polo con salsa de chocolate e laranxa.
Ademais, esta receita é idónea para experimentarmos co poder das especias, por exemplo co cravo e a canela, que nos poden vir moi ben para aromatizar a salsa de chocolate. O inverno tórnase máis levadío cun prato coma este. Prometido!
Elaboración
- Pelar e picar os allos porros e as cenorias en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Pelar e retirar a parte branca interior da pel da laranxa. Reservar.
- Dourar as blanquetas de polo nunha tixola cun chisco de aceite a lume medio. Salpementar por ambos os laterais. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite de oliva nunha tixola e rustrir os allos porros a lume medio ata que comecen a tornarse transparentes.
- Engadir as cenorias e refogar un par de minutos.
- Desglasar co viño tinto engadindo a pel da laranxa, os cravos, a rama de canela e as follas de loureiro. Salpementar e deixar reducir durante uns minutos a lume medio.
- Engadir o caldo de carne coas blanquetas de polo e deixar reducir todo xunto durante 20 minutos a lume medio. Rectificar a cantidade de sal e pementa ao gusto.
- Incorporar o chocolate negro fóra do lume. Remexer ata que o chocolate quede fundido. Se a salsa está moi espesa, engadirlle un pouco de caldo.
- Para servir, pór un chisco de salsa de chocolate, o rustrido e as blanquetas de polo na base do prato. Decorar con ceboliño picado.
Gustouche esta receita? Seguro que che encantará esta peituga de polo chea de salsa de laranxa.