
A quen non lle gustan os canapés? Propómosche unha receita ideal para as celebracións gourmet: blinis especiados de polo.
É o prato perfecto para levarmos a unha cea de picar cos amigos, desas que invitan a parolar con todos os presentes.
Un consello: para conseguir unha textura esponxosa, pica moi finiños todos os ingredientes que formarán parte do recheo dos blinis. E a gozar!
Elaboración
- Machucar os allos. Reservar.
- Pelar e picar a cebola, a mazá e a cenoria en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Picar os cogombriños en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Picar ben miúdas as alcaparras e as olivas. Reservar.
- Relar a pel do limón. Reservar.
- Fundir a manteiga nunha tixola a lume medio e incorporar os allos cunhas ramas de tomiño. Mesturar.
- Engadir os escalopes de polo e cociñalos a lume medio. Salpementar, picar en anaquiños moi pequenos e reservar.
- Mesturar nun cunco o polo resultante coa cebola, a mazá, a cenoria, os cogombriños, as alcaparras, as olivas, a mostaza, a maionesa, un chisco de reladura de limón, o sal e a pementa. Remexer ben e reservar na neveira durante 1 hora.
- Botar nun cunco o ovo, o iogur, a fariña, o lévedo, un chisco de sal, a pementa, as herbas provenzais, a cúrcuma e o curry. Mesturar ben ata obter unha masa homoxénea. Reservar.
- Engadir un pouco de aceite nunha tixola e espallalo cun papel de cociña.
- Incorporar a masa anterior facendo pequenos círculos e cociñar durante un minuto a lume medio. Darlle a volta e deixar que se fagan durante un minuto máis. Reservar.
- Engadir en cada blini unha cullerada do recheo do polo.
- Para empratar, servir os blinis especiados de polo nunha bandexa e botarlle por riba un chisco de ceboliño picado.
Se quedaches con gana de máis, tamén podes preparar estes roliños de polo con verduras e xamón.