Caldo de polo con lacón e grelos

Ingredientes para 4 persoas

1 cuarto traseiro de polo Bon Pollo
1 cebola
2 dentes de allo
1 allo porro
2 cenorias
2 nabos brancos
2 patacas
¼ col verde
200 g de grelos en conserva
200 g de garavanzos cocidos
1 chourizo
300 g de lacón curado desalgado
40 ml de viño branco
Auga mineral
Loureiro
Tomiño fresco
Aceite de oliva
Sal

Sabor e tradición únense nun prato de culler completo e nutritivo que en Bon Pollo nos encanta: caldo de polo con lacón e grelos.

Nos días máis fríos, poucas cousas apetecen máis ca un caldo quentiño, cociñado a lume lento durante varias horas, mentres a casa se nos enche de aromas deliciosos. 

Existen mil maneiras de cociñar o caldo, pero asegurámosche que a nosa receita ten un equilibrio especial. Iso si, se non dispós dalgún ingrediente da lista, proba substituíndoo por outro; a imaxinación é poder, e unha boa sopa admite unha chea de opcións.

Elaboración

  1. Machucar os dentes de allo. Reservar. 
  2. Pelar e picar a cebola, o allo porro, as cenorias e os nabos en dados medianos (mirepoix). Reservar. 
  3. Pelar e escachar as patacas. Reservar. 
  4. Lavar e partir a leituga en anacos. Reservar.
  5. Quentar un chisco de aceite nunha ola e rustrir a cebola, os allos e o allo porro a lume medio. 
  6. Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol. 
  7. Incorporar as cenorias, os nabos, as patacas e a col. Cocer durante uns minutos a lume medio. 
  8. Engadir o polo, o lacón, o chourizo, os grelos, os garavanzos, unhas ramas de tomiño, unhas follas de loureiro e a auga mineral (3 litros). Cocer tapado durante 2-3 horas a lume medio-baixo. Ir retirándolle a espuma durante a cocción. 
  9. Transcorrido o tempo, botarlle sal ao gusto, coar e reservar por separado o caldo e a carne coas verduras. 
  10. Cortar o chourizo en toros. Reservar.
  11. Esmiuzar o polo e o lacón. 
  12. Para empratar, servir na base do prato un chisco de verduras e incorporar uns toros de chourizo e un pouco de lacón e de polo esmiuzado. Engadir o caldo moi quente e servir. 

Se che gustan as receitas tradicionais, tamén gozarás cociñando (e comendo) este suculento polo con patacas e chourizo.