Vén unha ocasión especial e non sabes que cociñar? Compartimos contigo unha receita ideal para sorprenderes a todos os teus comensais. Estes canelóns reenchidos de polo e acompañados de salsa velouté e queixo gratinado son a túa mellor opción.
Presentámosche a tradicional receita dos canelóns elevada a un nivel superior de elegancia e exquisitez. A salsa velouté, vocábulo francés que significa “aveludada”, dálles un aspecto liso aos canelóns, ademais de consistencia ao conxunto do prato.
Esta salsa, sumada ao queixo gratinado, produce unha explosión de sabor ao se mesturar co recheo de polo dos canelóns. A combinación de gustos e texturas é perfecta para unha celebración especial. Un consello: para obter unha textura máis densa ao preparares a salsa velouté, incorpora o polo morno á mestura e dálle co batedor ata conseguir a textura que desexes.
Elaboración
- Picar a peituga de polo en dados pequenos. Reservar.
- Pelar e picar a cebola, o dente de allo e os champiñóns en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Escoar e picar os grelos. Reservar.
- Picar as noces cun coitelo. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e rustrir a cebola e o allo a lume medio. Salpementar.
- Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar o polo e refogar durante 3 ou 4 minutos a lume medio.
- Engadir os champiñóns, os grelos e as noces. Mesturar e cocer todo xunto durante uns minutos máis. Salpementar e engadirlle un chisco de cúrcuma. Reservar.
- Fundir a manteiga nun cazo a lume medio e engadirlle a fariña. Remexer ata obter un roux e cocer durante uns minutos ata que a fariña quede torrada.
- Incorporar o polo (morno) e bater a lume baixo ata obter unha textura de velouté máis densa. Salpementar, engadir un chisco de noz moscada e reservar.
- Prequentar o forno a 250 °C.
- Ferver auga con sal e cocer as placas dos canelóns durante 5-7 minutos. Deixar a arrefriar e secar.
- Estirar as láminas de canelón nunha táboa e incorporar en cada unha delas un chisco do recheo de polo. Enrolar.
- Nunha bandexa de forno, engadir unha camada de velouté e pousarlle enriba os canelóns reenchidos. Cubrir con máis velouté e agregar un pouco de queixo.
- Gratinar a 250 °C ata que estean lixeiramente dourados.
- Para empratar, servir os canelóns reenchidos de polo nun prato.