
Se nos preguntan, sempre dicimos que non hai nada como unhas saborosas coxas de polo para elaborar un bo guiso. A nosa receita de hoxe, coxa con salsa balsámica, quedounos tan gorentosa que estamos desexando compartila contigo.
Preparaches algunha vez unha salsa con crema balsámica de Módena e mel de flores? O resultado é intenso, mais tamén doce, dunha melosidade inigualable. Engádelle uns cogomelos variados, unha manchea de piñóns e un chisco de alfabaca fresca e acabará sendo o teu prato favorito.
Elaboración
- Pelar e picar a cebola e os dentes de allo (sen o xerme) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Partir os cogomelos en cuartos. Reservar.
- Quentar un pouco de aceite de oliva nunha tixola e dourar lixeiramente as coxas de polo a lume alto. Salpementar por ambos os laterais e baixar o lume para cocelos. Reservar en quente.
- Na mesma tixola, dourar lixeiramente a cebola cos dentes de allo. Salpementar.
- Engadir a fariña e cociñala un par de minutos a lume medio sen deixar de remexer.
- Incorporar o caldo de polo e a crema balsámica de Módena. Mesturar cun batedor e deixar a reducir uns minutos.
- Engadirlle o mel coas follas de alfabaca fresca. Mesturar e cocer todo xunto a lume baixo durante 5 minutos. Se a salsa queda moi espesa, engadirlle un pouco máis de caldo. Reservar.
- Nunha tixola cun chisco de aceite de oliva, saltear os cogomelos a lume medio. Salpementar e reservar.
- Nunha tixola, torrar (sen aceite) os piñóns a lume alto. Reservar.
- Botar un chisco de salsa balsámica na base do prato pousarlle enriba as coxas de polo. Decorar cos cogomelos salteados e os piñóns torrados. Botarlle por riba un pouco de ceboliño picado.
Podes probar outras salsas para cociñar as baquetas de polo, como esta receita orixinal con salsa de mandarina especiada.