
Se preparas esta receita de coxa de polo con alcachofas e patacas, asegúrate primeiro de teres cerca unha barra de pan para mollar na salsa. Que delicia!
Apunta os ingredientes: coxas de polo, alcachofas, cebola, allo e patacas. Só con isto xa tes un pratazo. Mais agora vén o mellor: a salsa. Vas necesitar o zume de medio limón, unhas poucas abelás, salsa de tomate, caldo de polo e un vasiño de viño branco. Xa che dixemos que vas necesitar pan!
Engádelle un chisco de perexil fresco no prato para lograr un acabado de dez.
Elaboración
- Pelar e picar as cebolas en dados medianos (mirepoix). Reservar.
- Pelar e picar os dentes de allo (sen o xerme) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Pelar e escachar as patacas. Reservar.
- Cortar as coxas de polo en cuartos. Reservar.
- Quitarlles as primeiras follas verdes ás alcachofas, pelarlles o talo, cortarlles a punta e abrir pola metade. Retirarlles os pelos interiores e partir en cuartos. Reservar nun cunco con auga e un chisco de zume de limón. Reservar.
- Cun procesador de alimentos, triturar medio dente de allo cunhas abelás, un chorriño de zume de limón, 50 ml de aceite, o perexil e un chisco de sal e pementa. Procesar ata obter unha pasta. Reservar o picado.
- Quentar un chisco de aceite nunha cazola e rustrir as cebolas cos allos a lume medio. Salpementar.
- Desglasar coa metade do viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Engadir as coxas de polo e refogar durante uns minutos a lume medio.
- Incorporar a salsa de tomate, o caldo, o resto do viño branco e as patacas. Cocer durante 22 minutos a lume medio.
- Engadir as alcachofas e cociñar tapado durante 5 minutos máis. Salpementar.
- Incorporar o picado de abelás e refogar durante 3-4 minutos máis.
- Para empratar, servir a coxa de polo guisada con alcachofas e patacas nun prato fondo e botarlle por riba un pouco de perexil picado. Acompañar cunhas rebandas de pan.
A coxa é unha das nosas partes favoritas do polo. Ofrecémosche outra receita perfecta para guisar: coxas de polo con salsa balsámica. Goza do pracer de cociñar… e de comer!