
Unha das características que distinguen os mellores chefs é saber cociñar un produto sinxelo de xeito que se converta na estrela dun prato excepcional.
Nós propuxémonos superar este reto e, como resultado, traémosvos a receita de hoxe: coxa de polo con castañas.
A pel crocante do polo combina á perfección coa salsa cremosa feita a base de froitos secos e aromatizada con brandy e loureiro. Non esquezas reservar algunhas castañas e améndoas para conseguires unha presentación en prato elegante e sofisticada.
Este é un verdadeiro festín para o padal que, sen dúbida, eleva a castaña, unha comida moi popular, ao nivel dos grandes chefs. Bo proveito!
Elaboración
- Prequentar o forno a 200 °C.
- Amosegar as castañas e metelas ao forno nunha bandexa, sen amorealas, durante 30 minutos a 200 °C. Pelar e reservar.
- Pelar e picar as cebolas e os allos en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha cazola e dourar as coxas de polo a lume medio. Salpementar e reservar.
- Na mesma cazola, rustrir as cebolas e os allos a lume medio. Salpementar.
- Desglasar co brandy e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar as coxas de polo, as castañas, as améndoas, o caldo, unhas follas de loureiro e un chisco de tomiño. Cociñar todo xunto durante 30 minutos tapado a lume medio.
- Retirar o polo, as herbas aromáticas e algunhas castañas e améndoas para a decoración final do prato.
- Triturar cun procesador de alimentos o resto de ingredientes ata obter unha salsa homoxénea.
- Para empratar, debuxar un círculo coa salsa de castañas na base do prato e servir dúas coxas de polo. Decorar coas castañas e améndoas reservadas.