Esta coxa de polo mariñada con iogur combina o sabor máis irresistible cos ingredientes máis nutritivos e saudables.
A salsa prepárase con cebola rustrida, allo, pemento en po, curry, comiño e un toque picante de caiena, unha mestura de especias que lle traerá ao teu prato os sabores do Extremo Oriente.
A clave para conseguir que este prato, ademais de delicioso, sexa tamén saudable, está tamén no mariñado de iogur: serve para que o polo quede moi saboroso e funciona como substituto da nata ou do leite de coco para lle dar cremosidade ao mollo.
A seguir deixámosche todos os pasos para preparares esta receita. E no noso Instagram atoparás a versión en vídeo. A desfrutar!
Elaboración
- Partir as coxas de polo en dados medianos e a cebola e o allo en dados pequenos (brunoise).
- Mariñar nun cunco os dados de polo co iogur e un chisco de todas as especias. Mesturar ben e reservar na neveira durante 1 hora.
- Quentar un pouco de aceite nunha tixola e dourar os dados de polo mariñados a lume forte. Reservar.
- Na mesma tixola, rustrir a cebola e o allo a lume medio.
- Incorporar o concentrado de tomate e refogar.
- Engadir os dados de polo e a crema aceda. Mesturar e cociñar durante 5 minutos a lume lento. Salpementar.
- Para empratar, servir nun prato a coxa de polo mariñada con iogur e botarlle un pouco de sésamo negro por riba. A comer!