Crema de cenoria e abelás con polo especiado

Ingredientes para 4 persoas

8 solombos de polo Bon Pollo
1 cebola
1 allo porro
2 dentes de allo
6 cenorias
1 limón
200 g de fabas brancas cocidas
100 g de abelás torradas
20 g de mostaza de Dijon
1 L de caldo de polo
80 ml de viño branco
Noz moscada en po
Xenxibre en po
Pemento en po doce
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Non hai dúbida de que a receita de hoxe entra polos ollos! Esa cor laranxa tan cálida e rechamante da crema de cenoria e abelás e moi apetecible. Ademais, a súa textura cremosa contrasta coa consistencia do polo especiado e o seu intenso sabor. 

Esta crema de cenoria e abelás con polo especiado é ideal para servir como prato principal. Desfruta dunha receita saudable que che vai dar as vitaminas da cenoria e toda a proteína que precisas grazas ao polo. 

Un consello: pica os solombos de polo en dados de tamaño mediano para conseguires a presentación perfecta.

Elaboración

  1. Cortar os solombos de polo en dados medianos. Reservar. 
  2. Relar a pel do limón. Reservar.
  3. Botar a carne nun cunco coa mostaza de Dijon, un chorriño de aceite, un chisco de reladura de limón, noz moscada, xenxibre, pemento en po, sal e pementa. Mesturar ben para enchoupar o polo. Deixar a adobar na neveira durante 1 hora.
  4. Pelar e picar a cebola, os dentes de allo e as cenorias en dados medianos (mirepoix). Reservar. 
  5. Pelar e cortar o allo porro en toros. Reservar. 
  6. Picar as abelás cun coitelo. Reservar. 
  7. Quentar un chisco de aceite nunha ola e rustrir a cebola, o allo porro e os allos a lume medio. 
  8. Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
  9. Incorporar as cenorias, as fabas e as abelás. Refogar durante un par de minutos a lume medio. Salpementar. 
  10. Engadir o caldo e deixar a ferver tapado durante 15-25 minutos a lume medio. Reservar. 
  11. Triturar a mestura resultante cun procesador de alimentos ata obter unha crema homoxénea e fina. Rectificar ao gusto e reservar quente.
  12. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e dourar o polo adobado a lume medio. 
  13. Para empratar, servir a crema de cenoria e abelás nun prato fondo e incorporar os dados de polo especiado e un chorriño de aceite.

Se a cenoria é unha das hortalizas que non pode faltar nos teus pratos, proba esta receita de polo con fiúncho, cenoria e garavanzos