Non podiamos deixar pasar a tempada de alcachofas sen renderlles homenaxe cunha receita coma a de hoxe: delicias de polo con texturas de alcachofa e lima.
A alcachofa é unha hortaliza que dá moito xogo na cociña e que funciona de marabilla como acompañamento do polo. Ademais, se a cociñas en diferentes texturas, o resultado é irresistible. Na nosa proposta-homenaxe desta semana, preparamos un mollo e uns chips fritidos para acompañar como é debido as nosas saborosas delicias de polo.
Elaboración
- Pelar e picar os dentes de allo (sen o xerme) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Picar finiñas dúas ramas de alfabaca. Reservar.
- Relar a pel e espremer as limas. Reservar por separado.
- Mesturar nun cunco as delicias de polo cun chorriño de aceite, o zume das limas, a alfabaca picada e un chisco de allo en po. Salpementar e reservar na neveira durante 1 hora envolto en papel filme.
- Pelar e picar as cebolas en dados medianos (mirepoix). Reservar.
- Tirar as primeiras follas de 4 alcachofas, pelar o talo e cortalas en xuliana fina para elaborar os chips. Partir as restantes pola metade e en xuliana fina. Reservar nun cunco con auga e un chisco de zume de limón e deixalo na neveira tapado cun papel de cociña para evitar que se oxiden.
- Quentar un chisco de aceite de oliva nunha cazola e rustrir as cebolas cos allos a lume medio.
- Desglasar co viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar as alcachofas en xuliana e sofritir a lume forte durante 2 minutos. Salpementar.
- Engadirlle a auga mineral, levar a ebulición e engadir as espinacas con 20 follas de alfabaca. Cocer todo xunto durante 5 minutos.
- Triturar o rustrido de alcachofas cun procesador de alimentos engadindo a manteiga e a reladura das limas. Coar cun coador fino e rectificar a cantidade de sal e pementa ao gusto.
- Secar ben os chips de alcachofas e rebozar coa fariña. Reservar.
- Fritir suavemente os chips de alcachofas. Reservar nun prato con papel absorbente e engadirlle un chisco de sal.
- Cociñar as delicias de polo nunha tixola a lume medio (sen engadirlle aceite).
- Para empratar, debuxar un círculo co mollo de alcachofas e pousar tres delicias de polo enriba. Decorar cos chips de alcachofas e unhas folliñas de alfabaca fresca.
Bota unha ollada a outras receitas da nosa páxina web, como esta coxa con verduras e olivas salteadas.