
Como apetecen as ensaladas no verán! Hoxe traémosvos unha moi orixinal, con quinoa, hummus de remolacha, delicias de polo e unha vinagreta moi refrescante. Xa vos veu a fame?
Trátase dun prato lixeiro, pero que nos vai saciar o apetito porque contén ingredientes con moitas proteínas e carbohidratos como o polo, os legumes, a quinoa e o aguacate. Así poderemos alimentarnos de xeito saudable e, ao tempo, pasar sen fame ata a próxima comida.
Elaboración
- Pelar e picar un dente de allo (sen o xermolo) en dados pequenos (brunoise). Reservar.
- Picar a remolacha en dados medianos (mirepoix). Reservar.
- Lavar e partir os tomates pola metade. Reservar.
- Relar a pel e espremer o zume do limón. Reservar por separado.
- Pelar e picar o aguacate en dados medianos (mirepoix). Reservar na neveira cun chorriño de zume de limón.
- Esmigallar o queixo feta. Reservar.
- Remollar a quinoa nun cunco con auga durante 20 minutos. Escoar e lavar ben.
- Ferver 300 ml de auga nunha ola e incorporar a quinoa. Cocer a lume medio-baixo durante 12 minutos. Estirar nunha bandexa e deixar a arrefriar.
- Triturar cun procesador de alimentos as fabas, o allo, a remolacha, 15 ml de aceite, 15 ml de auga mineral, un chisco de pemento en po, sal e pementa. Procesar ata obter un hummus homoxéneo. Rectificar ao gusto e reservar na neveira.
- Mesturar nun cunco o vinagre, a salsa de soia, 60 ml de aceite, o azucre, a reladura de limón, unhas follas de coandro picadas e un chisco de sementes de sésamo. Mesturar ata obter unha vinagreta homoxénea. Reservar.
- Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cociñar as delicias de polo a lume medio. Salpementar.
- Incorporar a metade da vinagreta anterior e cocer durante uns minutos máis. Reservar.
- Para montar a ensalada, pór unha base de canónigos (tamén coñecidos como herba dos cóengos) con quinoa e incorporar os tomates, as framboesas, o aguacate, o queixo feta, o hummus de remolacha e as delicias de polo.
- Para empratar, servir a ensalada de verán con delicias de polo e acompañar coa vinagreta. Botarlle un chisco de sésamo branco por riba.
Se queres preparar outras ensaladas de verán, recomendámosche esta refrescante ensalada de quinoa e polo con aguacate e mango.