Escalopes de polo con bulgur e verduras

Ingredientes para 4 persoas

2 bandexas de escalopes de polo de Bon Pollo
300 g de bulgur
2 patacas doces
2 cabaciñas
200 g de tomates cereixa
2 cebolas moradas
2 berenxenas
8 g de garam masala
Tomiño en po
Romeu en po
Aceite de oliva
Sal
Pementa negra

Que che parece darlle unha volta ao clásico adobo de polo? Na receita de hoxe ímosche ensinar como se preparan os escalopes de polo co aroma e sabor insubstituíbles do garam masala. Trátase dunha mestura de especias moi popular na cociña india e que se pode incorporar facilmente nunha gran cantidade de receitas. Para o acompañamento, propómosche unha combinación variada de verduras ao forno e bulgur, un ingrediente moi nutritivo que se obtén a partir do trigo. Unha delicia!

Elaboración

  1. Prequentar o forno a 200 °C.
  2. Cortar os escalopes de polo en tiras medianas inclinando o coitelo nun ángulo de 45°.
  3. Reservar.
  4. Pelar e picar as patacas doces en dados medianos (mirepoix). Reservar.
  5. Pelar e partir as cebolas en cuartos. Reservar.
  6. Lavar e picar as cabaciñas e berenxenas en dados medianos (mirepoix). Reservar.
  7. Botar nun cunco as tiras de escalopes co garam masala e un chorriño de aceite. Remexer e deixar adobar na neveira con papel film durante unha hora.
  8. Nunha bandexa de forno, colocar todas as verduras (cebolas, patacas doces, cabaciñas, berenxenas e tomates cereixa). Engadir aceite de oliva, tomiño e romeu en po, sal e pementa negra ao gusto. Mesturar.
  9. Quentar as verduras no forno a 220 °C con calor arriba e abaixo durante aproximadamente 45 minutos. Remexer de cando en vez. Reservar.
  10. Nunha ola, quentar a auga cun chisco de sal ata que rompa a ferver. Estender o bulgur nunha bandexa e verter a auga quente. Cubrir con papel film e deixalo a cociñar durante 7-10 minutos sen destapar. Reservar.
  11. Quentar un chisco de aceite nunha tixola e cocer as tiras de escalope adobadas a lume medio por ambos os lados. Salpementar e reservar.
  12. Servir nun prato un pouco de bulgur, as verduras ao forno e o escalope de polo. Aderezar co aceite con que se cociñaron as verduras.

Se pensas que as verduras son o mellor lado para o polo, encantarache esta receita de polo e verduras en escabeche con cítricos.