
Se estás a buscar ideas para sorprender os teus convidados neste Nadal, a nosa proposta de hoxe vaiche gustar: escalopes recheos de champiñóns con salsa de caqui.
Sigue todos os pasos para obter unha salsa cremosa, cun punto doce irresistible, e cubre con ela os nosos escalopes, que terás que encher previamente con champiñóns rustridos. Con esta receita vas dar no cravo!
Elaboración
- Salpementar os escalopes de polo. Reservar.
- Nun cunco, mesturar o mel coa salsa de soia, un bo chorro de aceite de oliva, tomiño e romeu fresco. Macerar os escalopes durante unha hora na neveira envoltos en papel filme.
- Pelar e picar as chalotas, as cebolas, os allos (sen o xerme) e os champiñóns en dados moi miúdos (brunoise). Reservar.
- Pelar e picar as cenorias e os caquis en dados medianos (mirepoix).
- Espremer as laranxas. Reservar.
- Desfacer a manteiga nunha tixola a lume medio. Rustrir as chalotas con dous allos a lume medio ata que queden acaramelados. Salpementar.
- Desglasar coa metade do viño branco e subir o lume para que se evapore o alcohol.
- Incorporar os champiñóns e un chisco de tomiño seco (ao gusto). Refogar durante 15 minutos a lume medio. Rectificar a cantidade de sal e pementa. Reservar.
- Rustrir as cebolas cos dous allos restantes nunha tixola a lume medio. Salpementar.
- Engadir as cenorias e refogar un par de minutos.
- Engadir os caquis, o zume de laranxa e o viño branco restante. Cocer todo xunto durante 10 minutos a lume medio.
- Incorporarlle a cúrcuma (ao gusto) e triturar cunha procesadora de alimentos. Reservar e rectificar as especias ao gusto.
- Estirar un escalope de polo macerado e colocar no centro unhas culleradas do rustrido de champiñóns. Cubrir con outro escalope e cerrar cuns paus. Repetir o proceso ata terminar con todos os escalopes.
- Colocar os escalopes de polo recheos nunha bandexa de forno cun chorriño de aceite e meter no forno a 200 °C durante 20 minutos.
- Para empratar, debuxar un círculo coa salsa de caqui e colocarlle enriba o escalope de polo recheo de champiñóns. Decorar con ceboliño picado.
Por se queredes máis ideas, deixámosvos outra receita de escalopes de polo, esta vez acompañada de bulgur e verduras.